DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe abre o prazo de matrícula

Un verán de cine, creatividade e literatura a través dos cursos de Extensión Cultural

Desenvolveranse ao longo dos meses de xuño e xullo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 24/05/2010

Cinema, audiovisual, deseño, literatura e interculturalidade son as principais materias dos cursos de Extensión Cultural para este verán. A oferta é diversa e está pensada para atraer intereses vinculados coas titulacións do campus, desde Belas Artes, a Comunicación Audiovisual e aquelas relacionadas coa educación, o deporte e a saúde. É habitual o protagonismo do cinema, que nesta ocasión acapara a temática dun dos cursos. O desenvolvemento das capacidades profesionais e persoais para a estimulación da creatividade, a revisión dos contos infantís e a mediación como ferramenta de xestión da diversidade nas aulas completan a orientación do total dos cinco cursos ofertados, que se desenvolverán nos meses de xuño e xullo.

Reformular o concepto de autoría no cinema

Completar a formación curricular do alumnado en materia audiovisual é o obxectivo do curso de cinema, que impartirá o profesor de Belas Artes José Chavete. Autoría e industria do cine é o título desta actividade, que se desenvolverá do 21 ao 29 de xuño e na que se reformulará o concepto de autoría para analizar a súa evolución. Así mesmo, busca xerar unha visión transversal do corpus fílmico, para o que se elaborará un glosario temático e terminolóxico.

Propostas para o ámbito da educación

Do 21 ao 23 de xuño terá lugar unha actividade habitual do campus nestas datas, o Vivir do conto dirixido por María Jesús Herrera. Investigar as posibilidades educativas da literatura infantil e da música nas diversas áreas curriculares é o seu obxectivo. Para isto propón crear materiais a partir de diversos contos, confeccionar instrumentos a partir de textos e amosar a visión dos contos dos grandes compositores. Así mesmo, prestará especial atención ás lendas africanas e aos sons que as acompañan.
No ámbito da educación encádrase tamén o curso A educación intercultural e a mediación como ferramenta eficaz na xestión da diversidade. A través del, o profesor Uxío Pérez pretende achegarse á realidade migratoria para a integración do alumnado estranxeiro nas aulas. Fomentando experiencias interculturais amosará a convivencia no noso país con outros idiomas e culturas como a árabe e a china.
Pechará a tempada a proposta do profesor Paulino Alegre, Deseño, creatividade e capacidades profesionais e persoais. Por unha banda, presentará a importancia da creatividade en todo proceso que implique deseño. Doutra banda, busca comprender como na actividade profesional interveñen tamén todos os aspectos relacionados coa personalidade, non só os racionais, senón tamén os emocionais

Matrícula no rexistro auxiliar da EUET Forestal

A matrícula pode formalizarse desde hoxe no rexistro auxiliar da EUET Forestal, onde se debe entregar a ficha de inscrición, o xustificante do pagamento e, no caso de ser bolseiro, a fotocopia da credencial que o acredita. Os estudantes da Universidade teñen un desconto do 50% e os demais membros da comunidade universitaria do 25%. O prezo dos cursos oscila entre os 50 e os 90 euros e poden ser validados por dous créditos de libre configuración.