DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Verdades e mentiras sobre Boloña na conferencia que ofreceu o reitor

Gago apuntou que "o EEES non supón a privatización, elitismo ou encarecemento dos estudos"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 22/04/2009

Que é o Espazo Europeo de Educación Superior? Esa foi a cuestión principal que tratou de responder o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, na conferencia que ofreceu este mércores no Edificio Politécnico, titulada Boloña: en defensa da universidade pública. Na súa intervención, o reitor aclarou de primeira man todas as dúbidas sobre o tema e amosou a realidade de Boloña, facendo especial fincapé naqueles puntos máis conflitivos que seguen centrando a polémica deste proceso como son “a privatización, o elitismo da docencia, o encarecemento e empeoramento dos estudos ou o futuro da humanidades”. Gago veu “sen hora” disposto a tratar de resolver “calquera dúbida que exista, dar a miña o opinión e a escoitar a vosa”.
Acompañando ao reitor, Enrique Barreiro, director da ESEI, admitiu que “aínda que pode parecer absurdo dez anos despois de iniciar o proceso de Boloña ter que explicar que é, resulta preciso porque existen moitas dúbidas”. Na súa opinión isto é sinal de que “algo non se fixo ben ou que na sociedade da información circula mellor a desinformación”.
O reitor comezou a súa intervención reafirmando o título do seu relatorio, “Boloña defende a universidade pública”, sen embargo, “iso non quere dicir que na súa implantación non vaian a xurdir problemas, pensar iso sería un erro, pero son complicacións que podemos superar”. Gago continuou puntualizando que existen dificultades que coinciden no tempo con este proceso de harmonización europea, pero “eses problemas non se poden meter na mesma mochila” xa que non son produto do Plan Boloña.

O que a agocha o EEES

O EEES agocha tras da súa fachada “un proceso de igualación dos estudos superiores na Unión Europea”, de xeito que todos os estudantes e titulados se poidan mover neste territorio libremente para traballar ou estudar noutro país.
Gago proseguiu o seu relatorio guiándose pola pregunta "que é o EEES?", a cal deu unha clara resposta: “unha única estrutura de títulos, unha mesma unidade de medida: os créditos ECTS e un mesmo certificado de estudos: o Suplemento Europeo ao Título”. Isto é o que supón o Plan Boloña, “nin máis, nin menos”. Despois de aclarar este punto procedeu a explicar as principais transformacións e as fases nas que se vai a desenvolver o proceso, para rematar afondando no que “Boloña non é”.
Por unha banda, o EEES non vai a supoñer a privatización dos estudos: si existe presenza do mundo empresarial na universidade, pero “quen non teña en conta a importancia desta participación está perdido”, afirmou o reitor, xa que a súa colaboración é moi relevante nas prácticas pre-profesionais e nos mestrados que poden realizar os alumnos, as cátedras externas e os proxectos e contratos de I+D+i. Tampouco se pode falar dunha universidade elitista, “o noso obxectivo é unha ensinanza de calidade elitista, pero a prezos públicos”. Así mesmo, o reitor amosou como falsa a idea de que Boloña vaia a supoñer un empeoramento das ensinanzas ou a desaparición das humanidades.