DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da U. de Massachusetts, Christopher Larkosh, afondou nas relacións culturais entre Galici

Versos de Rosalía recitados nunha aula de Nova Inglaterra

Incluíu o estudo de galego no último programa de verán sobre cultura portuguesa que dirixe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 11/12/2012

Máis de 5000 quilómetros separan a Galicia de Estados Unidos, unha distancia que non é quen de romper os lazos que en realidade unen a estes dous territorios en principio tan dispares. Para dar conta da relación cultural existente entre estas rexións americana e galega, Cristopher Larkosh, investigador da Universidade de Massachusetts-Darmouth, acudiu ao campus pontevedrés para afondar no significado e importancia que acada a denominación galega na zona de Nova Inglaterra. “Temos en común a diversidade cultural e lingüística ademais de compartir unha cultura migratoria”, explicou o propio Larkosh, que se mostra “feliz” de visitar de novo Galicia.

Como último director dun dos programas de verán sobre cultura portuguesa con máis relevancia dos Estados Unidos, Larkosh tratou de difundir entre o estudantado da rexión de Nova Inglaterra, que naceu e creceu entre varios idiomas, as culturas lusófonas, con especial atención á literatura portuguesa, brasileira ou a luso-americana, e tamén a súa música e artesanía. “Neste contexto ten cabida perfectamente a cultura galega e xa empezamos a incluíla como parte da nosa oferta”, sinalou o investigador, de aí que este verán, froito dunha estadía de investigación en varias universidades americanas, o profesor da Universidade de Vigo, Alberto Pena, impartira unha conferencia sobre Galicia “como berce da lusofonía”. Para Larkosh, a mera posibilidade de ler en galego “é apaixonante” e engadiu que o alumnado asistente ao curso “séntese pasivamente atraído por esta lingua atrevéndose coa lectura e posterior comprensión de contos de Manolo Rivas ou de poemas de Rosalía de Castro”, exemplifica o experto. Trátase dun “achegamento natural”, salientou, “pois non é difícil aprender galego cando sabemos algo de castelán e portugués”.

Moito en común

Este profesor da Universidade de Massachusetts considerou que Galicia e Nova Inglaterra comparten unha situación moi particular cunha cultura bilingüe chea de diversidade. “Nesta comunidade autónoma fálase galego e castelán e na zona na que exerzo como docente hai unha gran poboación de lusoamericanos que falan portugués, latinos que empregan o español e logo está o inglés”, de aí que entenda esa diversidade común como unha oportunidade para crear lazos de intercambio que sexan beneficiosos para as dúas economías, co desenvolvemento de proxectos relacionados por exemplo co comercio creativo ou co turismo cultural. “Creo que as experiencias galegas enriqueceríannos moito xa que compartimos moitas circunstancias institucionais e a súa conservación é de sumo interese para nós”.

Aínda que xa ten visitado en moitas ocasións Galicia, “onde iniciei os meus estudos formais sobre literatura e linguas ibéricas”, é a primeira vez que se achega a Pontevedra, “unha cidade que transmite moita historia e cultura e na que figuras como Valle Inclán ou Castelao residiron durante moito tempo”, destacou Larkosh que confesou sentirse satisfeito con cada viaxe que realiza á comunidade galega. “Sempre saco algo produtivo e faime pensar nos meus propios límites lingüísticos”, concluíu.