DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deseñadora Arantza Vilas imparte un taller en Belas Artes dentro das actividades do Tek-Fest

Do vestiario de ‘Xogo de Tronos’ aos talleres de Esdemga

Tomando como inspiración pezas do Museo de Pontevedra, céntrase no traballo coa temperatura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 26/09/2017

Fundadora de Pinaki Studios, a deseñadora viguesa Arantza Vilas ten trasladado os seus procesos de traballo, nos que as técnicas tradicionais se combinan coas novas tecnoloxías, á elaboración do vestiario de producións audiovisuais como a serie Xogo de Tronos. Algunhas das técnicas empregadas no seu labor profesional son desde este martes a base do obradoiro que, no marco do Tek-Fest, Vilas imparte na Facultade de Belas Artes. Calor+Memoria é o título dun workshop no que, explica, “traballaremos cunha serie de técnicas que teñen como fío común o uso do calor e a temperatura” e para as que toman como punto de partida “unha paleta de cor inspirada por unha selección de obxectos téxtiles e vinculados ao téxtil do Museo de Pontevedra”.

De feito, tras recibir nos talleres de Esdemga, xunto á directora da titulación, Lola Dopico, ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, o taller completou a súa sesión matinal cunha visita ao museo, punto de partida de catro xornadas de traballo nas que o “patrimonio téxtil da cidade” outorga “os principios e a inspiración” cos que retornar ao taller e experimentar cunha serie de técnicas. “Será moi interesante ver como interpretamos esa información desde unha óptica de práctica contemporánea”, engade Vilas do primeiro paso dun seminario que se estende ata este venres e que concibe como “un proceso de retroalimentación, no que aprendemos xuntas”.

O coñecemento dos materiais como punto de partida

“Trátase de que as participantes no taller coñezan técnicas e procesos que se utilizan a nivel industrial e desenvolver mostras téxtiles experimentais, e, de paso, aprender como poder empregar eses procesos a unha escala máis doméstica”, explica esta deseñadora residente en Londres dun taller que cubriu as súas doce prazas, boa parte delas, coa alumnas da titulación de Belas Artes. Nese senso, a responsable deste workshop sitúa o eixo da formación no coñecemento técnico, na aprendizaxe de como se comportan determinados tecidos ao ser manipulados mediante o uso da calor, xa que isto permite trasladar eses “procesos industriais a unha escala moi reducida”.

Por iso, o seu primeiro propósito co alumnado é realizar “experimentos” con variedade de materiais, desde fibras termoplásticas como o poliéster, a guata, feltros industriais, plásticos ou mesmo madeira. “Trátase de coñecer as características dos materiais e con ese coñecemento, ver como podemos explotalo de forma creativa, é dicir, como podemos facelos tridimensionais, como cortalos, fusionalos ou que novas características poden adquirir”, explica. A partires de aí, o seguinte paso será tratar de “desenvolver xa unhas prendas máis resoltas, que puideran ser reproducibles a escala industrial”.

Interpretación de tecidos históricos

Licenciada en Belas Artes, Vilas especializouse en deseño téxtil no Central Saint Martins College of Art and Design, cidade na que creou Pinaki Studios, unha empresa coa que ten participado nos últimos anos no deseño de vestiario para diferentes producións cinematográficas, teatrais e televisivas. O filme A pantasma da ópera, de Joel Schumacher, foi en 2004 o primeiro traballo que esta viguesa desenvolveu para a industria audiovisual, tralo que logo chegarían producións como A princesa branca ou a serie da BBC Os Mosqueteiros, que, relataba nesta xornada, foi a que pouco despois lle abriu as portas de Xogo de Tronos, coa que traballou durante dúas temporadas.

“Por sorte, os proxectos nos que traballo son moi variados e supoñen sempre novos retos”, sinala dun traballo que en moitos casos leva ao estudio a “facer interpretacións de tecidos históricos, que desenvolvemos precisamente combinando procesos artesanais con tintas de novas tecnoloxías ou coa axuda de medios dixitais”. Nese senso, esta investigadora téxtil, que este mércores imparte unha conferencia na Casa da Luz dentro da programación do Tek-Fest, recoñece que os proxectos de vestiario para o sector audiovisual “permiten moita experimentación que logo hai que saber traducir á escala ou as necesidades do proxecto”.