DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A titulación participa cun grupo de alumnas e tituladas nunha competición organizada por Trendipia

Vestir á “muller do futuro” para facer de Esdemga a mellor escola de moda de España

O centro do campus figura entre os doce semifinalistas deste certame dotado cun premio de 50.000 eur

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 06/10/2014

Con nada menos que 50.000 euros, a repartir a partes iguais entre o grupo de traballo e a escola da que forman parte, está dotado o primeiro premio da Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, que organiza a plataforma Trendipia, e na que os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) logrou situarse entre os doce semifinalistas. Fíxoo coa proposta de colección Human 2.0 que deseñaron as alumnas Paula Sobrino, Tatiana Rico e Raquel Chapela e as tituladas Pilar Ullod e Carlota Pérez, que nestas semanas traballan no deseño dunha marca de moda feminina coa que tentan vestir “á muller do futuro”, como elas mesmas sinalan.

“Trátase dunha colección pensada para unha época moi global, que non busca reflectir unha identidade cultural concreta e que engloba tamén o uso das novas tecnoloxías”, explica Sobrino, unha das integrantes do equipo de traballo co que Esdemga obtivo o seu pase ás semifinais do certame que Trendipia organiza coa colaboración do grupo Inditex e no que a proposta gañadora, ademais de resultar merecedora do premio de 50.000 euros, será tamén obxecto dunha “colección cápsula”, que será fabricada e comercializada pola empresa organizadora.

Nunha primeira fase da competición, as escolas participantes tiñan que seleccionar un equipo de cinco persoas, composto por alumnado do último curso e un máximo de dous titulados e tituladas, que debían presentar os seus portfolios creativos e un anteproxecto da colección que deseñarían de clasificarse para as seguintes fases. Así o fixo Esdemga, que viu como a proposta Human 2.0 era unha das doce elixidas para as semifinais, o que levou a este equipo a elaborar tanto os bocexos da súa colección, como un proxecto de marca, imaxe corporativa e espazo de venda. “Pasamos da idea global dunha colección a ter que traballar todo o vinculado cunha marca, desde as bolsas e as etiquetas ata o propio proxecto de tenda”, sinala Pilar Ullod, do labor que nestes días está a levar a cabo este grupo de alumnas e tituladas. Un traballo que como elas mesmas recoñecen, afrontan con moita ilusión, “polo moito que podemos aprender, xa que se trata de comezar unha colección desde cero”, como engade Tatiana Rico, e que acometerán, ademais, tendo como titores ao equipo de deseño de Zara Woman, o que as levará a visitar o xoves as instalacións do grupo Inditex para manter unha primeira reunión de traballo.

Pero ademais, este concurso tamén podería abrir outra posibilidade máis a este grupo de alumnas e tituladas, que non dubidou á hora de aceptar formar parte da iniciativa, a de “facer realidade o que agora estamos deseñando, que é ademais a parte do traballo que máis nos gusta”, como salienta Carlota Pérez. Non en van, o 3 de novembro Esdemga saberá se é unha das seis escolas seleccionadas para a fase final, para a que os equipos terán que confeccionar, como mínimo, seis das propostas que deseñaron na fase anterior, así como definir como sería a súa presentación no acto co que se pechará a competición en Madrid.

Unha oportunidade para toda a titulación

“Un concurso no que a escola participa como tal é pouco usual e para nós resulta moi interesante, xa que nos permite avaliarnos e testar formas de traballar competindo con escolas de todo o Estado”, salienta Lola Dopico, directora de Esdemga e responsable de coordinar o grupo de traballo co que a titulación participa nun certame que recibiu "con moito interese”. Neste senso, Dopico resalta que o obxectivo que perseguen nesta competición non é tanto o resultado final como poder aprender dunha iniciativa que supón “unha lección moi interesante non só para as estudantes que están participando, senón para a escola no seu conxunto”. En primeiro termo, porque obriga a coordinar un proxecto que engloba “practicamente todos os elementos necesarios para o deseño dun concepto de moda”. Pero tamén pola posibilidade de coñecer “como son os procesos, de principio a fin, dentro dunha empresa da importancia de Inditex”, que a través das súas diferentes marcas exerce como titora de todos os semifinalistas. Así mesmo, Dopico tamén fai énfase en que “todos os sistemas competitivos danche información permítenche ver en que situación estás”, polo que este concurso fai posible unha reflexión “sobre onde están os puntos fortes da formación e cales poden ser as nosas carencias”.

Xunto á dispoñibilidade de tempo que require un proxecto “tan esixente”, na selección das participantes tívose en conta a necesidade de contar con persoas “con competencias en deseño gráfico, análise de tendencias, debuxo ou patronaxe” e o resultado foi un equipo de traballo “que está funcionando moi ben, dunha forma moi autónoma”, como recoñece a directora de Esdemga, responsable de “ir apoiándoas en todo o proceso e buscar a axuda e o apoio que poidan precisar en cada un dos ámbitos que teñen que cubrir”.