DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lara García e Ignacio Gestoso recibiron o 1º e 3º premio de fomento á innovación entre o alumnado

A viabilidade do cultivo dos cabaliños de mar e do peixe sapo, premios Marine Inova 2011

Os galardóns están promovidos por Marine Instruments, Inova e Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/09/2011

Por que non cultivar cabaliños de mar tropicais cos que abastecer o mercado da acuariofília en Europa ou peixe sapo a través da acuicultura para o consumo humano? As respostas a estas preguntas teñen premio, concretamente o primeiro e terceiro galardón Marine Inova 2011, promovido polas empresas Marine Instruments S.A e Inova Consultores en Excelencia e Innovación Estratégica S.L en colaboración co Campus do Mar coa finalidade de promover a innovación tecnolóxica entre o alumnado e apoiar o espírito emprendedor. Lara García, licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, foi quen de confirmar a través da súa investigación a viabilidade e rendibilidade da comercialización de dúas especies de cabaliños de mar tropicais a través dunha empresa de cultivo integral que abastecería o mercado da acuariofília en Europa. Mentres, Ignacio Gestoso, alumno de doutoramento do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da universidade viguesa, centrouse no estudo da viabilidade do peixe sapo como especie comercial, algo que ata o de agora e apesares de ser unha especie autóctona con gran valor comercial, non se levara a cabo.

Foi precisamente ese espírito innovador e creativo que os dous traballos zumegan o que lles fixo merecedores de dous dos tres galardóns contemplados no premio Marine Inova 2011 que hoxe entregaron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o socio-director de Inova Consultores, Alberto Casal e o socio e director de I+D de Marine Instruments, Francisco Pino. Os galardóns, 3000 euros e tres meses de prácticas para o primeiro e 1000 euros para o terceiro (o segundo quedou deserto), “fomentan”, segundo Salustiano Mato, “o espírito emprendedor do alumnado, permitindo poñer en valor e o coñecemento e a cultura da innovación”.

Unha resposta ao mercado da acuarioloxía e unha alternativa máis para a acuicultura

Os 3000 euros e o apoio na preparación do proxecto que lle reporta o primeiro premio Marine Inova 2011, poden facilitarlle a Lara García a posta en marcha dunha empresa de cultivo integral de cabaliño de mar que abasteza o mercado da acuariofilia en Europa. “O proxecto xurdiu”, explica a licenciada en Ciencias do Mar, “no Instituto Galego de Produción Acuícola da Illa de Arousa e ten fins comerciais que sería a venda a acuarios e tendas maioristas que se encargan de distribuír o produto”. Lara que agradece o recoñecemento obtido polo seu traballo, amósase ilusionada coa posibilidade de poñer en marcha unha empresa, nun principio, a pequena escala, aproveitando o auxe da acuarioloxía en España, “aínda que non tanto como noutros países nos que existen criadeiros máis potentes nos que se importan exemplares do medio salvaxe. Algo que con este proxecto evitariamos, protexendo así as especies naturais”. Esta empresa traballaría no cultivo de dúas especies tropicais, unha de alto valor comercial e outra “máis accesible a todo o mundo”, explica Lara que lembra a complicación que entraña o cultivo do cabaliño de mar nacional.

No caso de Ignacio Gestoso foi a curiosidade ao que o levou a iniciar un traballo encamiñado a coñecer a viabilidade do cultivo do peixe sapo, unha especie autóctona e cun alto valor comercial e moi apreciada polo consumidor. “Un dos retos da acuicultura é a diversificación de especies” sinala o doutorando “ e sempre me chamou a atención que non houbese ningún intento de cultivo co peixe sapo tal como se está a facer co polbo ou a pescada”. Aínda que Ignacio recoñece que o proxecto está nunha etapa moi preliminar e hai que seguir dando pasos, tamén adianta que “ a priori non hai trabas para que non poida ser posible xa que o peixe sapo é unha especie resistente ao manexo e os intentos de estabular adultos foron óptimos”.

Unión de forzas a prol da innovación

Mato, Casal e Pino coincidiron en felicitar aos galardoados e tamén na importancia da colaboración para impulsar a innovación e que esta repercuta no sector produtivo. “É responsabilidade das empresas crear un ecosistema que facilite que o talento se converta en valor”, sinalou Alberto Casal, socio-director de Inova Consultores, mentres que Francisco Pino, socio e director de I+D de Marine Instruments destacou que “esta é unha época de moitos retos, aínda que o momento sexa negativo”. Os representantes de ambas as dúas empresas agradeceron á Universidade a oportunidade de participar nun proxecto destas características porque segundo Pino “interésanos motivar á xente nova”.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo agradeceu o apoio de Marine Instruments e Inova Consultores e animou ao alumnado a desenvolver a súa creatividade “empapándose de novas ideas e levándoas á práctica”.

Nova convocatoria

Finalizada a entrega dos galardóns, o reitor Salustiano Mato anunciou a convocatoria da segunda edición do premio Marine Inova que desta volta valorará a orixinalidade do desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia no deseño e en definitiva a innovación dos proxectos desenvolvidos nos ámbitos das enerxías renovables, electrónica, física, informática, telecomunicacións, exploración e monitorización mariña e vehículos non contaminantes.

Os candidatos aos galardóns que deberán preinscribirse antes do 23 de decembro de 2011 na páxina web do Campus do Mar, deberán ser menores de 30 anos e acreditar estar cursando estudos de grao, posgrao e doutoramento en calquera das titulacións que se imparten nas universidades integradas en Campus do Mar.

Bases do II Premio Marine Inova (1.50 Mb)