DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un viaduto sobre o Tambre albergará esta fin de semana o curso de pontismo

Organizado polo Servizo de Deportes en colaboración con Turnauga

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 10/04/2008
Roupa cómoda, pero non demasiado frouxa, zapatillas deportivas e decisión. Estes son os elementos necesarios para participar na actividade de pontismo que o Servizo de Deportes, en colaboración coa empresa de aventura Turnauga, pon ao alcance dos membros da comunidade universitaria.
O viaduto sobre o río Tambre, na localidade de Noia, é o escollido para o desenvolvemento deste curso, que se celebrará os sábados 12 e 19 de abril, dividindo así aos matriculados en dous grupos cun máximo de corenta persoas en cada un deles.

O salto en pontismo

En canto aos contidos teóricos previos ao salto, Cheché Comojo, xerente e monitora de Turnauga, sinala que “son extremadamente sinxelos, pois o único que hai que saber é cómo tirarse e cómo dar impulso ao corpo”. Tras esta lección, a parte práctica consiste en saltar da ponte cun arnés de cintura agarrado á estrutura do viaduto mediante dúas cordas de escalada con elongación, o que “aporta flexibilidade ao salto” , tal como explica a monitora, que engade que “tralo momento de caída libre, no que se produce unha intensa descarga de adrenalina, o corpo describe un movemento de péndulo de tanto radio como anchura ten a ponte”.
Esta actividade está incluída dentro do programa Delecer 2008, que ademais do pontismo, inclúe cursos de paracaidismo e parapente.