DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Slalom Universidade de Vigo

O vial da Universidade convértese este domingo nun circuíto automobilístico de primeiro nivel

A proba, puntuable para o circuíto da Federación Galega, está organizada por estudantes de enxeñaría

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Anabel Vila DUVI 31/03/2011
A paixón polo mundo do motor levou a un grupo de estudantes de Enxeñaría Industrial a embarcarse no ambicioso proxecto de organizar unha proba dentro do circuíto da Federación Galega de Automobilismo e o seu traballo chegou a bo termo xa que este domingo 3 de abril disputarase o I Slalom Universidade de Vigo no campus.

Co apoio do grupo CIMA, Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción,, e do profesor Carlos Casqueiro, comezaron a darlle voltas á idea de competir, de traballar en coches de rallies e decatáronse de que o primeiro paso era crear unha escudería. “Era o requisito que necesitabamos para poder facer probas”, asegura Alejandro Fariña, estudante de Enxeñaría Industrial e un dos membros do comité organizador. Así naceu Enxes Motor, que conta co patrocinio dunha empresa recentemente creada por egresados da escola viguesa.

Agora o seu reto é que todo saia ben no slalom do domingo no que esperan contar con “preto de 20 coches”, segundo explica Fariña. “Trátase dunha proba de habilidade, non tanto de velocidade. Os condutores terán que superar conos, portas, rotondas, e tratar de chegar o antes posible á meta”, recordan dende a organización dunha proba que xa na súa primeira edición é puntuable para o Campionato de Galicia.

Unha longa xornada de competición

O domingo comeza coa presentación dos pilotos no parque pechado ás 10.00 horas, para ás 11.00 h iniciar os adestramentos. Despois de toda a mañá recoñecendo o circuíto a competición dará o pistoletazo de saída ás 15.30 con dúas mangas oficiais. A entrega de premios celebrarase ás 21.00 no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.

O percorrido do slalom terá a súa saída na rotonda do acceso norte do campus onde se atopa situada a escultura de Silveiro Rivas, dende aí os coches dirixiranse ata un dos aparcadoiros da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde deberán superar unha serie de obstáculos antes de volver ao vial da Universidade e así acceder aos outros aparcadoiros da devandita facultade. Alí espéranos portas, conos e rotondas antes de chegar á meta, situada entre a piscina e as pistas deportivas.