DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Geppetto estreará na Moti a súa última obra de teatro

Unha viaxe ao mundo de Gulliver da man da Aula Universitaria de Teatro Infantil do campus

Froito do traballo desenvolvido ao longo do primeiro cuadrimestre

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 22/12/2017

Levan todo o primeiro cuadrimestre traballando para este momento e afróntano con moita ilusión e ganas. O alumnado da Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto do campus de Ourense estreará a súa produción deste curso académico, titulada (Du)as viaxes de Gulliver, na 14 edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense Moti. A cita será o martes 26 de decembro no Auditorio Municipal.

Du)as viaxes de Gulliver, con dirección e dramaturxia de Elena Seijo, de Sarabela Teatro e coordinadora de Geppetto, está destinada a público a partir de 6 anos. Unha vez máis a peza feita polo alumnado formado no campus levará ao escenario unha proposta que mestura contidos sociais para os máis cativos con entretemento. “Trátase dun espectáculo construído tomando algunhas das viaxes de Gulliver para ofrecer unha sorprendente peza chea de xogos, imaxes e personaxes incribles que farán que as nenas e nenos vivan a fantasía e o divertimento pero que tamén quede neles o pouso da sátira sobre a natureza humana que fai o autor do texto orixinal”, destacan os responsables da aula. As dúas viaxes Gulliver adaptadas nesta peza, explica Elena Seijo, e o que nelas acontece cando o protagonista se atopa coas personaxes que poboan cada lugar, queren suscitar ademais unha reflexión nos espectadores sobre “as dificultades da comunicación” e “o respecto ao diferente de cada persoa e ás rarezas de cada un”.

Sobre o proceso de creación da obra, a súa responsable comenta que se seguiu a mesma dinámica de anos anteriores. Unha vez conformado a principios de curso a aula, os participantes leron a novela orixinal para logo comezar a desenvolver a tese que querían abordar na obra. A través da improvisación, o grupo foi creando as diferentes escenas que finalmente forman a obra final e sobre a que levan ensaiando as últimas semanas. O elenco de actores está formado por Tito Escuredo, Maricarmen Fernández, Candela López, Marcos Valencia, Amada Saa, Carmen Mª Aranda e Marisol Delgado. Con diversidade de idades e a metade deles xa con algunha experiencia previa no eido escénico, Elena Seijo salienta como o grupo “están desexando subir ao escenario” para amosar ao público o traballo desenvolvido ao longo dos últimos meses.

Actuacións no campus

Do 23 ao 30 de decembro, os principais escenarios da cidade de Ourense abrirán as súas portas ao público máis novo para ofrecerlle 14 espectáculos de compañías principalmente galegas pero tamén doutras autonomías. Polo que respecta á programación desta mostra que se desenvolverá no campus, como en anteriores edicións o lugar escollido é a Sala Emilia Pardo Bazán, sendo todas as actuacións ás 18.15 h, e a recadación destinarase a Unicef. Os tres espectáculos que terán lugar nas instalacións universitarias mesturan música e teatro. Esta programación no campus arrancará o mércores 27, co espectáculo de Magín Blanco O camiño dos paxaros, recomendado a partir de cinco anos de idade. O xoves 28 a actividade continuará con O tesouro de Xalundes de Casacoco, recomendado para nenos e nenas a partir de catro anos. Por último, o venres 29 haberá o concerto Cancións para desafinar, de A Gramola Gominola, destinado a público familiar.