DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As obras de tres alumnas da Facultade de Belas Artes protagonizan a exposición ‘Ironías do aparente’

Unha viaxe ao que a realidade esconde

A mostra poderase visitar na sala do edificio Turismo Rías Baixas de Pontevedra ata o 16 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 09/01/2012

As aparencias enganan. Así o demostran Lúa Louro, Belén Naveira e Paula Purriños, tres alumnas do último curso do Grao en Belas Artes, na exposición Ironías do aparente, na que reflexionan sobre os límites da realidade xogando coa imaxe pictórica. Esta selección de 12 obras que conxuga fotografía, escultura e pintura estará exposta no sala do edificio Turismo Rías Baixas de Pontevedra (Palacete de Mendoza) ata o 16 de xaneiro e supón o primeiro contacto que estas tres artistas emerxentes manteñen co mundo da xestión da arte. "Está a ser unha boa experiencia de alta calidade formativa coa que comprobamos a realidade existente fóra da facultade”, explican as tres alumnas.

Ironías do aparente nace a partir dunha proposta da materia Xestión, ámbito artístico e profesional, impartida polo profesor Xosé Manuel Buxán, na que se fomenta o contacto real entre o alumnado e o mundo laboral. Deste xeito, Lúa Louro, Belén Naveira e Paula Purriños decidiron enfrontar xuntas esta proposta, “o que se converteu nun auténtico reto”, polas condicións marcadas polo exercicio, como a necesidade de expor nun espazo profesional “presentando un dossier elaborado e o currículo, experimentando ademais os tempos de espera entre os envíos das propostas e as resolucións, o trato co persoal, os imprevistos da montaxe …”. As tres artistas, “tras un intenso traballo de busca de espazos”, tiveron unha excelente acollida coa súa proposta ao conseguir expor primeiro na Galería Sargadelos de Vigo e “ao recibir chamadas de outros locais nos que daban luz verde ao noso proxecto, como no espazo pontevedrés de Turismo Rías Baixas”.

Tres miradas diferentes

Desenmascarar a aparencia une a estas tres artistas en este proxecto, “aínda que cada unha elabora un discurso diferente”. Lúa Louro bota man da escultura e das trampas ante o ollo "e amosar un xogo visual enfatizando a dobre identidade da imaxe ficticia fronte a realidade”, puntualiza. Pola súa banda, Belén Naveira conxuga fotografía e pintura para reflexionar sobre o poder de suxestión da realidade. Así, amosa a serie fotográfica Camuflaje na que a artista substitúe a pel da protagonista por outros materiais “para destacar o tema da ocultación e do facer artificial co que se presenta ao mundo”. Naveira tamén presenta Elementos Comunes, unha obra na que enfronta fotografía e pintura “co fin de amosar a relación entre ambas as dúas disciplinas”. Paula Purriños decantouse pola pintura, presentando catro obras, A espera, A doce dor da ialma, Transfiguracións do ser e Efémera realidade, nas que conxuga a pincelada realista con elementos oníricos que lembran ao movemento surrealista e nas que afonda na superficialidade que existe arredor do corpo feminino.

Esta exposición supón para as tres alumnas que están a piques de rematar os seus estudos no Grao en Belas Artes “unha grande oportunidade para dar maior visibilidade ao noso traballo, do que tan só poden gozar os máis achegados a nós”. A pesar desta experiencia, recoñecen que os artistas emerxentes atopan moitas trabas para levar a cabo proxectos expositivos. “Os que rematamos os nosos estudos artísticos e queremos comezar a nosa andaina artística temos moi difícil a organización dunha exposición en condicións”, sinalan as tres alumnas.

Tras o seu paso pola Galería Sargadelos de Vigo, a mostra das tres artistas poderase visitar de balde ata o 16 de xaneiro en Pontevedra en horario de 09.00 a 20.00 horas de luns a venres e de 10.00 a 14.00 horas os sábados, domingos e festivos.