DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo dx5 promove na Vicerreitoría o sétimo encontro internacional de Mutual Images

Unha viaxe de ida e volta entre Europa e Xapón a través das artes

Especialistas de varios países abordan as influencias mutuas en pintura, literatura ou fotografía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/06/2019

Arte, literatura, fotografía, cómic, animación, deseño e moda son os eidos nos que investigadores e investigadoras de diferentes países poñen en relación Europa e Xapón no marco do sétimo workshop internacional da asociación Mutual Images que desde este luns se desenvolve na sede da Vicerreitoría do campus. Afondar nas influencias mutuas e no intercambio cultural entre Oriente e Occidente desde unha perspectiva interdisciplinar é o propósito central do evento que, da man de Mutual Images e do grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, desenvólvese por primeira vez en España e que reúne como conferenciantes a preto dunha vintena de especialistas de universidades de España, Xapón, Reino Unido, Estados Unidos, Portugal e Líbano.

17 relatorios e cinco mesas de debate integran o programa dun evento “moi importante para nós, porque nos permite profundar no diálogo entre Xapón e Occidente”, salientou a investigadora principal do grupo dx5, Ana Soler, na apertura dun foro titulado de Painting East: Artistic relations between Japan and the West. Coordinado por Soler e os tamén investigadores do grupo dx5 José Andrés Santiago e Tatiana Lameiro, ademais de pola presidenta de Mutual Images, Aurora Yamagata, o workshop que se celebra anualmente en sedes rotatorias, tanto en Europa como en Xapón, supuxo así mesmo “un reto, xa que por primeira vez abríase non só a cultura popular, senón que falamos de artes nun sentido máis amplo”, engadiu Santiago.

Impulsado por unha asociación de investigadores internacional “que non depende de ningunha universidade”, explicou Yamagata, este evento anual busca servir, dado o seu carácter gratuíto, como unha oportunidade para que estudantes de doutoramento e investigadores novos poidan dar a coñecer os seus traballos á vez que para xerar “un diálogo” entre especialistas de diferentes disciplinas. “Cando comecei o meu doutoramento non atopaba congresos que traballaran sobre estas relacións, había congresos sobre estudos xaponeses, pero non este encontro entre os dous lados”, salienta Yamagata do motivo que lles levou a impulsar, en 2012, un congreso que presenta como “espazo interdisciplinar” para abordar esas relacións entre Europa e Xapón.

As primeiras representacións de Xapón

O bloque de arte e estética abriu un encontro no que o investigador da Universidad de Zaragoza Alejandro M. Sanz presentou as primeiras ilustracións sobre o Xapón publicadas en Europa. Así, abordou, entre outros traballos, unha publicación de 1586 no que os xesuítas “queren mostrar os progresos das súas misións” en Oriente, para logo deterse na representacións dos mártires de finais do século XVI, despois de “no contexto da unificación do Xapón”, a “animadversión contra os cristiáns” derivase en asasinatos que, “no contexto da contarreforma” foron empregados en Europa con “fins propagandísticos”. Xa en 1939, Xapón decide romper todas as relacións cos países católicos, aínda que as manteñen con estados protestantes como Holanda, de onde é orixinario Arnoldus Montanus, responsable dunha publicación que constitúe “o primeiro catálogo ilustrado sobre Xapón” editado en Europa, con 97 ilustracións que presentan por primeira vez elementos da arquitectura ou da cultura xaponesa, coa característica de que foron realizadas por autores “que carecían de bases visuais” para as súas ilustracións, creadas a partires de descricións escritas. 

Literatura, fotografía, cultura popular, deseño e moda

O estudo da xilografía mokuhanga da investigadora e artista italiana Elettra Gorni e a representación da estética xaponesa no Reino Unido a finais do século XIX, da man de Mariko Hirabayashi, da Universidade de York, completaron o primeiro panel dun evento que, acto, seguido puxo o seu foco na literatura. Fíxoo da man da  investigadora da University of Minnesota Jami Watson, quen centrou a súa intervención en amosar como a idea do “xaponismo”, normalmente vinculada ás artes visuais, está tamén moi presente na literatura contemporánea, con "moitas novelas de ficción que teñen lugar en Xapón, que teñen personaxes e localizacións xaponesas”; e co relatorio sobre escritor Ryūnosuke Akutagawa de Damaso Ferreiro, da Hiroshima University. Os vínculos entre Xapón e Canarias, nunha presentación de Laura Mesa, da escola Fernando Estévez, e o uso propagandístico da fotomontaxe por parte da diplomacia xaponesa na década de 1930, por parte de Ana Trujillo, da Universidad Ponficia Comillas, foron abordados tamén nunha primeira xornada que pechan as intervencións de Emily Cole, da University of Oregon, sobre os encontros fotográficos durante a ocupación aliada, e Antonio Joao Saraiva, da Universidade Aberta de Lisboa.

Diferentes manifestacións da cultura popular abrirán a segunda xornada do evento, na que Oscar García, da Universitat Pomeu Fabra, falará das representacións de Europa na animación xaponesa e Karim el Mufti, do Political Science Institute de Beirut porá o foco na influencia da animación Grendizer no mundo árabe; mentres que José Andrés Santiago analizará o cómic francés Lastman e a tamén investigadora do grupo dx5 Linet Heredia o xénero musical Vaporwave. Pola tarde, Teresa Pérez, da Universidad de Granada, e as investigadoras de Belas Artes Lameiro e Heredia abordarán as influencias mutuas entre Xapón e Europa no mundo do deseño gráfico, mentres que Iria Rosa, da Universidad de Valencia, e Sara Martínez, de Vigo, farán o mesmo coa moda.