DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade participa en varias feiras e xornadas en Arxentina

Unha viaxe de ida e volta a Latinoamérica

O obxectivo é favorecer o intercambio e a mobilidade de docentes e alumnado

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/04/2011

Pola mobilidade e a internacionalización pasa o futuro das universidades tras o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. A Universidade de Vigo traballa intensamente para estreitar relacións máis aló das fronteiras da Unión Europea, buscando sinerxías en Rusia, Asia e Latinoamérica, estreitando lazos especialmente no tocante á mobilidade de alumnado e docentes. Para isto é necesario dar a coñecer a oferta tanto de grao e posgrao, como de idiomas e doutoramento, unha tarefa na que as feiras de educación son unha ferramenta moi útil. Unha das máis importantes de sudamérica, Europosgraos Arxentina, celébrase esta semana en Bos Aires e nela participan arredor de 50 institucións de educación superior europeas. Vigo, xunto con Santiago de Compostela e A Coruña amosan neste escaparate a súa oferta na procura de captar o mellor talento internacional. A delegación galega recibe nestes días arredor de 2000 estudantes arxentinos aos que amosarán a oferta docente das universidades galegas, o seu potencial científico, as actividades complementarias e sobre todo os requisitos de acceso e as bolsas e diferentes programas de mobilidade.

O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, xunto coa responsable da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez, son os encargados de levar a Universidade ao outro lado do Atlántico, da man un evento organizado dende 2005 polo Servizo Alemán de Intercambio Académico, a Fundación universidad.es, a Embaixada de España en Arxentina, a Axencia Española de Cooperación Internacional e para o Desenvolvemento, e outras entidades francesas, italianas, británicas e neerlandesas.

Internacionalizar dende a casa

Aproveitando a visita e paralelamente á súa participación en Europosgraos Arxentina, o vicerreitor desenvolve unha apertada axenda dirixida a fomentar os convenios de colaboración con universidades arxentinas e a pór en marcha novas iniciativas de cooperación interuniversitaria. Un destes eventos nos que tomou parte Fernández Iglesias foi o obradoiro organizado pola Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas e a Rede de Cooperación Internacional das Universidades Nacionais Arxentinas. Baixo o nome de Internacionalización na casa, responsables deste eido de varias universidades arxentinas e españolas afondaron nas actividades que as institucións de orixe poden realizar para favorecer a internacionalización do seus alumnado.

O vicerreitor de Relacións Internacionais presentou as accións dirixidas á capacitación en idiomas, á formación en contornas multiculturais, á interacción cos visitantes internacionais da Universidade e ao desenvolvemento dunha cultura corporativa internacional. Así, fixo un repaso pola oferta do Centro de Linguas, as accións dirixidas á mellora da competencia lingüística dentro dos plans de formación do profesorado, o tándem de conversa, a participación en programas como Jean Monet ou Erasmus Mundus, as xornadas internacionais programadas pola institución e por algún centros, as charlas informativas, as bolsas de colaboración coa Oficina de Relacións Internacionais para os estudantes, ou a próxima integración no programa Euranet de radios universitarias.

Ademais, Fernández Iglesias tamén se entrevistou co delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, xunto co vicerreitor de Estudantes e Formación Continua da Universidade da USC, Francisco Durán, para analizar as posibilidades de colaboración para que as universidades do SUG poidan ter unha presenza efectiva na capital arxentina que facilite a definición de proxectos conxuntos coas universidades dese país, e a mobilidade de estudantes, profesores e investigadores.