DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres inaugurase na Casa das Campás o ciclo de cine ‘Quen move os fíos?’

Unha viaxe polos moitos significados da manipulación na sétima arte

Oito proxeccións e tres relatorios integran esta iniciativa gratuíta e aberta a toda a cidadanía

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 02/10/2014

Como un concepto polisémico e estreitamente vinculado á historia da sétima arte compréndese a verba manipular en Quen move os fíos?, o ciclo de cinema que este venres botará a andar na Casa das Campás e que busca achegar “unha visión o máis ampla posible do que significa un concepto totalmente ligado ao cinema”, como salienta o seu coordinador, Suso Novás. Oito proxeccións e tres relatorios integran o programa desta iniciativa de carácter gratuíto e aberta a toda a cidadanía, que viaxará da conspiración política á busca dunha resposta determinada no espectador, pasando pola propia manipulación física do celuloide.

Integrado na programación de outono da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, este ciclo dará comezo este venres ás 19.30 horas coa proxección de Cidadán Bob Roberts, de Tim Robbins, “unha sátira política que abrangue todos os aspectos que rodean unha candidatura á americana”, apunta Novás. Sete días despois, tocará falar “dun dos mellores exemplos de como un director é capaz de compoñer unha obra cinematográfica bastante condutiva, deixando moi pouca marxe ao espectador”, o filme Shoa, de Claude Lanzman, que centrará o relatorio do crítico e director do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Xaime Pena.

O 17 de outubro será o momento de abordar a idea “do personaxe manipulador, na súa vertente máis psicolóxica”, coa proxección de O estraño amor de Martha Ivers, de Lewis Milestone, unha idea que centrará tamén a seguinte proxección, Náufragos de Alfred Hitchcock, “que ao mesmo tempo tamén permitirá dar unhas pinceladas do realizador como gran construtor do relato”. Xa por último, outubro pecharase co relatorio Materialidade e cinema: intervindo o celuloide, do investigador e cineasta Alberte Pagán, que falará sobre a propia manipulación do celuloide, coa que, segundo resalta Novás, lógranse un resultados “máis cerca do artístico que do cine narrativo”.

Os personaxes como tecedores de tramas

A idea dun “personaxe que é un manipulador puro e duro” será o eixo central de A Herdeira, o filme de William Wyler que se poderá ver o 7 de novembro e da proxección que a sucederá o venres 14, Morte entre as flores, dos irmáns Coen. Por outra banda, tamén haberá tempo para abordar “o nacemento, o auxe e a caída dun suxeito político” en O gran McGinty, o filme de Preston Sturges que se proxectará o 21 de novembro, mes que se pechará cun relatorio do propio Novás sobre “tecedores de tramas”, no que afondará “nunha forma de entender o cine na que a historia non é tan importante como o xeito no que se dá a ver a mesma ao espectador”.

Xa en decembro, Quen move os fíos? pecharase coas películas Plumas de cabalo, “unha homenaxe aos personaxes excéntricos e desvergoñados, cos que cos que o espectador empatiza”, e A canella das almas perdidas, que Novás presenta como a “radiografía da ascensión e caída dun personaxe tremendamente ambicioso e manipulador”.