DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano Juan Carlos Meana presenta a súa exposición ‘Hasta vaciarse de tanto aquí’ na Galería Bacel

Unha viaxe sen retorno ao máis profundo do ser

A identidade é o tema principal dunha obra na que o artista bota man de distintas disciplinas artíst

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 15/03/2012

A dúbida existencial sobre o sentido da vida é unha cuestión que altera a tranquilidade do home dende hai séculos. Neste contexto o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, amosa as súas inquedanzas persoais sobre este tema na exposición Hasta vaciarse de tanto aquí, que toma como eixe central a identidade do ser humano “que sempre se debate entre a individualidade e a necesidade de pertencer a un colectivo”, explica o artista. A mostra, composta por obras de distintas disciplinas, con fotografía, vídeo, escultura e instalación, outórgalle un protagonismo especial ás imaxes de barcos, empregadas como elementos simbólicos “das viaxes sen retorno”, engade.

Ao longo da súa obra, o artista Juan Carlos Meana reflicte a continua busca de identidade “coa que o ser humano pretende definir quen é”. Considera que esa procura dura toda a vida e convértese nunha viaxe continua na que non hai posibilidade de retorno “e calquera idea de permanencia e seguridade é puro espellismo”. Pero Meana vai máis alá e pregúntase o motivo “desa obsesión por definirse” e chega á conclusión de que “a identidade só se busca polo medo ao aberto, asumindo relacións que en ocasións nos resultan imposibles ou imaxinando un mundo no que sempre temos un lugar no que protexerse”, apunta. A exposición tamén amosa o arraigo como unha cuestión latente, como se resultara imposible tomar unha relación co lugar, xa que, segundo comenta Meana, ese deseño da identidade leva parello a perda da relación co espazo.

Barcos con mensaxe

Baixo o título Hasta vaciarse de tanto aquí o artista presenta varios traballos artísticos entre os que se distinguen unha serie de fotografías de barcos, unha instalación na que se pon en valor as iconas institucionais, varias obras escultóricas e a proxección dun vídeo. Cobra especial relevancia o emprego simbólico dos barcos aos que Meana engadiu mensaxes personalizadas. “Esta peza é totalmente nova, abre novas vías de traballo nas que concibo a fotografía como unha testemuña escultórica que amosa o resultado final de deseñar as letras e colocalas nos diferentes barcos”, sinala. Emprega o barco como símbolo da viaxe do ser humano, “como elemento de tránsito polo océano, coa lentitude suficiente para reflexionar sobre o destino e sobre o que se ve”. En canto ás palabras, o artista aclara que funcionan como un instrumento máis dos barcos, de aí o título da exposición Hasta vaciarse de tanto aquí, extraído das obras do poeta arxentino Hugo Mújica que tamén emprega a palabra como creación en si e como espazo de reflexión.

A mostra complétase con tres traballos escultóricos que conteñen tipografía de letras construídas en madeira e coa proxección do vídeo Confidencias del deseo no que dous personaxes quedan impedidos da mirada frontal “e soamente poden verse a través de espellos que funcionan como retrovisores”, explica. O artista optou por mesturar distintas expresións artísticas co fin de abordar o mesmo tema dende diferentes perspectivas “ampliando os matices e tamén os sentidos”.

Meana sinala que a exposición require dunha lectura profunda e lenta na que o espectador se debe facer preguntas para lograr comprender a obra. “Para imaxes rápidas xa existe o consumo inmediato do cine ou da televisión. A arte diferénciase das demais canles pola súa lenta participación que acaba transformando ao seu interlocutor”, advirte o artista. Hasta vaciarse de tanto aquí pódese visitar ata o vindeiro 15 de abril na Galería Bacelos de Vigo en horario de martes a venres de 10.00 h a 14.00 h pola mañá e de 16.30 h a 20.30 h pola tarde. Os sábados só abre pola mañá.