DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 200 alumnos e alumnas de Primaria visitaron a ‘Feira do Ensino da Ciencia’

Unha viaxe polo sistema solar nos corredores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

A feira continuou pola tarde cunha conferencia sobre o proxecto Xatcobeo e cun obradoiro de astronom

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 05/12/2013

Máis de oitenta estudantes do segundo curso do Grao en Educación Primaria responsabilizáronse este venres de converter a entrada e un corredor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nun espazo de decoración espacial no que, ao longo de toda a mañá, preto de 200 alumnos e alumnas procedentes de dous centros de Primaria puideron aprender dun xeito divertido as principais características dos diferentes planetas do sistema solar, nunha actividade encadrada dentro da Feira do Ensino da Ciencia, organizada pola Área de Didáctica das Ciencias Experimentais.

“Demostrar que a ciencia é divertida” é un dos obxectivos centrais desta iniciativa, que se estende ao longo de toda a xornada, como explicou a profesora María Álvarez Lires, unha das coordinadoras dunha feira que permite tamén comprobar que “con poucos medios pódense facer moitas cousas”. Porque foi o “moito esforzo” e a imaxinación do alumnado deste centro a que fixo posible que nesta facultade se instalasen un total de 21 postos especialmente deseñados para amosar diferentes aspectos do universo aos máis novos.

A inauguración desta Feira do Ensino da Ciencia contou coa presenza da vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e da decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, quen expresou a súa satisfacción pola posta en marcha dunha actividade dirixida a proxectar á “ciencia cara o exterior” e que ademais o facía recordando no seu cartel anunciador a tres mulleres claves na historia da astronomía: María Winkelman, Antonia Maury e Silvia Torres Peimbert.

De alumnado a profesorado

Trala inauguración, chegou o momento de recibir ao primeiro grupo de escolares de Primaria que ao longo de toda a mañá foron visitando esta Feira do Ensino da Ciencia. Ás portas do centro eran recibidos polo alumnado responsable desta actividade, que nalgúns casos ata acudiu disfrazado de astronauta ou planeta a unha feira na que lles correspondía exercer coma mestres e amosar aos máis novos algúns dos segredos do universo.

Á súa chegada, cada neno recibía unha ficha que debía completar cos adhesivos que lle ían entregando tras visitar cada posto para, así, dar por completada a viaxe espacial que lles agardaba no interior da facultade. Porque, acompañados do alumnado participante nesta feira, a rapazada ía pasando por todos e cada un dos postos instalados no centro, nos que lles ían explicando algunhas das características máis salientables dos diferentes planetas do sistema solar, desde os volcáns de Venus, ata a auga que se agocha nos polos de Mercurio, pasando polos aneis de Saturmo ou mesmo polo “planeta esquecido”, Plutón.

Aos dedicados aos diferentes planetas e satélites do sistema solar sumábanse ademais outra serie de postos sobre asteroides, cometas, viaxes espaciais ou sobre a contribución dos robots ao coñecemento de planetas como Marte, recordado precisamente cun pequeno robot que os máis novos podían manexar desde unha aplicación para o teléfono móbil.

Actividades de formación pola tarde

Tras abrir ás portas ao alumnado de Primaria ao longo da mañá, esta Feira do Ensino da Ciencia continúa pola tarde con diferentes actividades dirixida á formación do propio alumnado do grao.

En primeiro termo, o estudantado participa nun coloquio con outro dos coordinadores desta actividade, o profesora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais Francisco Serrallé, dirixido a facer unha avaliación da actividade despregada nas horas previas.

Xusto despois, ás 17.00 horas, programouse unha conferencia do enxeñeiro Diego Nodar sobre o satélite Xatcobeo; e por último, esta Feira do Ensino da Ciencia ten o seu peche fóra do propio centro, cun obradoiro de observación astronómica a cargo do vicedecano Uxío Pérez.