DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Relatorio de Narciso Santos Yanguas, catedrático de Historia Antiga, na Facultade de Historia

Unha viaxe no tempo para analizar a presenza dos astures no exército romano

O historiador amosou a vinculación das tropas coa economía, o urbanismo e a relixiosidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 27/05/2010

Os astures eran un antigo pobo que habitaba o noroeste da península ibérica e cuxo territorio comprendía a comunidade autónoma de Asturias, as provincias de León e Zamora, a zona oriental de Lugo e Ourense e parte do distrito portugués de Bragança. Cando o exército romano se desmilitariza comeza todo un proceso de integración das poboacións dominadas polos romanos (cántabros, astures e galaicos) no marco da administración romana. Nesta contorna e segundo o historiador Narciso Santos Yanguas as alteracións dende o punto de vista dos indíxenas leváronse a cabo a través de dous feitos, “a participación no exército romano, primeiro como auxiliares e despois como lexionarios, e a achega como man de obra en tarefas mineiras”.
Pois ben a primeira destas alteracións, é dicir, a participación dos astures no exército romano, foi a temática escollida por Santos Yanguas, catedrático de Historia Antiga na Universidade de Oviedo, para o relatorio que impartiu este xoves aos estudantes da Facultade de Historia do campus. Na súa intervención o relator falou do recrutamento destes individuos, das características das unidades e da vinculación do exército con outros aspectos como a economía agraria da zona, a explotación mineira e a relixiosidade, entre outras.

Recrutamentos e cumprimento do servizo militar

Explicou Santos Yanguas que as tropas auxiliares dos astures (e galaicos, tanto lucenses como bracerenses) configurábanse a base de recrutamentos entre os pobos da zona. “Os seus membros eran adestrados nos campamentos das lexións VI ou X pasando a cumprir despois o seu servizo militar, en tempos de Augusto, nas liñas fronteirizas do Imperio onde se pedía a súa presenza”, afirmou. Estas unidades eran de infantería, de cabalería e de carácter mixto, revelando o historiador que se atoparon restos dos seus compoñentes no chan correspondente ás provincias limítrofes do imperio.
Na súa intervención o relator falou tamén da vinculación existente entre as unidades militares de ocupación e a economía agraria “como nos documentan os chamados prados lexionarios, parcelas de terreo asignadas a estas tropas e cultivadas por elas pero nas que a man de obra era maioritariamente indíxena, polo que aprenderon as novas técnicas agrícolas e introduciron os adiantos romanos no instrumental de labor”, declarou.

Privilexios para os militares

A participación do exército na explotación mineira dos distritos do ouro do noroeste peninsular dende tempos de Vespasiano foi outro dos aspectos tratados polo historiador, quen subliñou as funcións realizadas polos militares nesta área “non só en relación coa administración das minas senón tamén como capataces e directores técnicos das diferentes explotacións”, sinalou.
Dende Claudio os soldados auxiliares recibían, á finalización da súa milicia, uns diplomas militares que, segundo o historiador, “proporcionáballes unha importante promoción social xa que lles concedía un conxunto de privilexios como a cidadanía, o matrimonio legal e a posibilidade de comerciar ampliables aos seus fillos e descendentes”.
Santos Yanguas afondou en dous aspectos de relevancia. Por unha banda a influencia militar exercida no plano urbanístico, “xa que moitos centros de asentamento militar na zona darían orixe a núcleos de poboación de carácter civil que, co paso do tempo, se converterían en municipios. É o caso de Lugo, Astorga e León, entre outros”. Por outra banda, o relator asegurou que o exército exerceu unha influenza acusada na relixiosidade dos astures “non só porque a súa presenza afianzou os cultos tradicionais e militares, senón porque estes militares desprazaron moitos dos seus cultos tradicionais aos seus lugares de acampada”.