DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese do investigador José Fernández,"Vicente Risco e a Educación"

Vicente Risco tivo un papel clave no proceso introdutorio da galeguización do ensino

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 23/02/2010

Vicente Risco (Ourense, 1884-1963) é unha das figuras máis importantes da historia de Galicia. Procedente dunha familia decimonónica acomodada e relevante culturalmente, as súas achegas conformaron as bases do nacionalismo galego e da renovación dalgúns aspectos educativos. Risco foi intelectual, etnógrafo e literato, mais, pode considerarse tamén como un importante mestre e pedagogo?
Esta foi a pregunta que se fixo o investigador José Fernández para elaborar a súa tese Vicente Risco e a educación. No traballo define ao etnógrafo ourensán como “unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega de todos os tempos” e asegura que o seu papel “foi clave no proceso introdutorio da galeguización do ensino”. A tese estrutúrase en dúas partes: a primeira dedicada a contextualizar o clima histórico polo que discorre a vida de Vicente Risco e a segunda centrada xa propiamente no intelectual ourensán. Ademais, ao longo do traballo dáse conta do labor desenvolvido por Risco a prol do ensino con iniciativas como o Plan Pedagóxico pr’a galeguizazón d’as escolas que, segundo o investigador, “converteuse nun referente a seguir na escola galega durante o primeiro terzo do século XX” e o Informe do irmán Risco, “destinado a pór en funcionamento unha escola galeguista sostida con fondos de emigrantes ourensáns residentes en Bos Aires”, segundo explica José Fernández.

De funcionario de Facenda a profesor de Historia na Escola Normal

Risco estudou a carreira de Dereito e traballou uns anos na delegación de Facenda en Ourense. O investigador explica na tese que, non conforme con este traballo, inicia un novo proxecto vital ingresando na Escola de Estudos Superiores do Maxisterio de Madrid. Naqueles anos descobre a Rabindranath Tagore, Premio Nóbel de Literatura no ano 1913 e gran educador na India, onde chegou a crear a Escola de Shantiniketan (primeira escola nova de Oriente posta a andar con cinco alumnos en 1901), dando a coñecer a figura do famoso escritor hindú en Galicia e Portugal. Xa como profesor centrou as súas forzas na procura dun ensino identificado co país. Segundo explica José Fernández, “para Risco en Galicia todo o labor galeguista era un labor pedagóxico, un labor de educación social”. Nesta liña da galeguización preparou o mencionado Plan Pedagóxico pr’a galeguizazón d’as escolas, publicado no ano 1921 na revista Nós. Un plan no que Risco, entre outros aspectos, subliña a necesidade de adaptar o edificio escolar ao contexto socio-ambiental galego, a importancia da claridade e da limpeza na aula, a proposta da abolición da tarima para que o mestre se sente a carón dos rapaces e o fomento da solidariedade, a autonomía e a liberdade, “deixando á iniciativa dos nenos a organización de certas actividades”. Risco, igual que Manuel Bartolomé Cossío, fai gran fincapé na figura do mestre, ao que considera “a alma da escola”. Segundo o investigador “convérteo nun elemento decisivo da aprendizaxe, polo que da súa escolleita depende o éxito ou o fracaso escolar. Tanto vale o mestre, tanto vale a escola”, afirma.

Materias sobre Galicia nos planos de estudos e promoción do bilingüismo

José Fernández explica na súa tese que, na construción dunha escola galega, Risco fixo especial énfase en dúas vertentes: a introdución de materias referentes a Galicia nos planos de estudo e a promoción do bilingüismo, así como a súa defensa de que non só había que galeguizar a escola se non tamén outros niveis de ensino como a Universidade.
O investigador afirma así mesmo que a tarefa risquiana foi máis alá das institucións académicas. Segundo explica, “colaborou na revista As Roladas, da que só se publicaron dous números no ano 1922 e participou tamén coas mocidades e asociacións xuvenís galeguistas coma a dos grupos Ultreyas que pretendían levar a galeguidade aos mozos e mozas das vilas e das cidades”. Todo isto sen esquecer a fundación da revista Nós, “que se converteu nun órgano importante da cultura galega e que serviu de plataforma publicitaria a moitas actividades realizadas polo seu alumnado na clase de Historia”, afirma o investigador.

O saber popular ao servizo da escola

Na súa tese José Fernández subliña o valor didáctico que o etnógrafo ourensán deu ao saber popular. Nas súas palabras, “soubo pór a tradición cultural ao servizo da escola nacionalista facendo interesantísimas achegas para unha didáctica da cultura popular galega” ao tempo que realizou os seus propios estudos etno-lingüísticos, situando ao sistema escolar como a peza clave na unificación do idioma. O investigador dá conta tamén no seu traballo do Catálogo Sistemático da Lingua Galega, elaborado por Risco cunha clara finalidade didáctica de aplicación á escola. Afondou no libro Elementos de Metodoloxía da Historia (1928), cheo de cuestións pedagóxicas innovadoras, no que deseñou un programa para o ensino desta materia. Unha intensa actividade que completan as variadas accións educativas de carácter informal nas que estivo implicado, entre as que se atopan a realización de numerosas viaxes “como medio directo de observación empírica con aproveito pedagóxico” ou o maxisterio exercido por Risco nos distintos parladoiros como o mantido no Café Volter de Ourense “no que Risco se xuntaba ao final da súa vida con moita mocidade, entre os que estaban os chamados artistiñas: José Luis de Dios, Acisclo Manzano e Xaime Quesada”.
Con todo para José Fernández “Risco foi un mestre de mestres”, dedicando á súa vida profesional ao longo de 38 anos (1916-1954), ensinando as materias de Metodoloxía da Historia, Paidoloxía e Organización Escolar e Filosofía e ostentando os cargos de secretario e director da Escola Normal ourensá.