DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón valora a sustentabilidade, innovación e a calidade na edificación

O vicerreitor do campus e os arquitectos Irisarri e Piñera recollen este mércores o premio SICE outorgado á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

No deseño Irisarri e Piñera favoreceron o marco no que se atopa o campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 15/12/2008

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xa hai unhas semanas que pode gabarse de ser o primeiro premio SICE 2008, aínda que só de palabra. Sen embargo, a partir de este mércores o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, e os arquitectos, Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, terán nas súas mans o galardón que recoñece o edificio pola súa sustentabilidade, innovación e calidade na edificación. O acto de entrega terá lugar na sede do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos (CSCAE), institución que promove o premio en colaboración co Ministerio de Vivenda entre construcións de España e Portugal posteriores a abril de 2005, e será o presidente do CSCAE, Carlos Hernández Pezzi, quen lles faga entrega do premio.
A aposta pola luminosidade, o aforro enerxético que impulsa o efecto invernadoiro que permite o cristal, as correntes de ventilación ou a entrada de luz a través do policarbonato son algunhas das claves da adecuación do edificio aos estándares da sustentabilidade. Trátase de establecer unha relación entre medio e artificio que redunda en beneficio de ambos e que, a través da presenza e da participación do edificado, consiga manter e mellorar a contorna natural. Sen embargo Irisarri está convencido de que a sustentabilidade é “máis unha actitude que unha montaxe” e aposta por un edificio vivo, xa que “a participación e a concienciación dos seus usuarios fará que se traballe nun I+D constante”.
No deseño do edificio, Irisarri e Piñera favoreceron o marco no que se atopa o campus, “un dos máis marabillosos”, segundo o arquitecto, e potenciaron a situación á beira do río Lérez, a proximidade ao casco vello e a rexeneración da contorna medioambiental. O referente foron os “parques-campus anglosaxones”, un xeito de humanizar o espazo universitario fronte ao modelo orixinal, “máis funcional, pero que penalizaba o acceso entre facultades”. Sen embargo o proxecto completo que Irisarri e Piñera idearon para o campus aínda non está completo. Actualmente está en fase de construción un edificio de investigación anexo á facultade e os arquitectos gardan a esperanza de que se poida realizar unha a segunda edificación prevista que acollería o CACTI.

A Cincenta do concurso

A concesión do primeiro premio do SICE 2008 fixo especial ilusión aos arquitectos da facultade pola comparación cos outros proxectos presentados a concurso, a maioría feitos con máis medios económicos e con posibilidade de incluír as enerxías renovables. Especialmente satisfeito amósase Irisarri de recibir un premio no que o Centro Nacional de Energías Renovables participa como xurado. O proxecto non puido recibir asesoramento de esta institución pola limitación orzamentaria pero aínda así conta, a través deste galardón, coa valoración positiva do seu traballo.
Na entrega dos premios tamén acadará protagonismo outra construción galega. Trátase da Vivenda unifamiliar de San Miguel do Campo que recibirá o premio sectorial ao uso do bloque cerámico de arxila alixeirada.