DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado na sede do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España

O vicerreitor e os arquitectos Irisarri e Piñera recolleron o Premio SICE en Madrid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 19/12/2008

A sede do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España foi o lugar elixido para o acto de entrega dos Premios SICE 2008. O galardón máis destacado do concurso, asignado á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, foi recollido polos arquitectos Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, que quixeron que o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernádez, compartise con eles os honores.
Esta distinción pon en valor a idea dos arquitectos de potenciar o enclave do campus, á beira do río e próximo ao casco vello, e apostar por técnicas pasivas e proporcionadas pola propia arquitectura para buscar o aproveitamento enerxético e a calidade dos espazos. De aí a situación das fiestras e o xogo de correntes de aire, a luminosidade e o efecto invernadoiro que permite o cristal ademais do feito de contar coa protección que as árbores de folla caduca lle dan ao edificio.
A concesión do premio é máis destacada aínda se temos en conta que as potencialidades do edificio aínda non están rematadas xa que o proxecto prevé que en novas fases se instalen paneis solares que aporten a auga quente consumida polos alumnos e o edificio de investigación anexo está agora en fase de construción.

Un premio para a reflexión

O premio, aberto a construcións de España e Portugal posteriores a abril de 2005, está promovido polo CSCAE en colaboración co Ministerio de Vivenda e ten como obxectivo reflexionar sobre a edificación e a súa responsabilidade no impacto ambiental das cidades. Precisamente por iso, as súas conclusións serán remitidas ás Comunidades Autónomas para que poidan integralas como recomendacións nos seus plans de vivenda.