DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recolle intervencións nun congreso organizado pola CNMC, o CGPJ e a Real Academia de Jurisprudencia

A vicerreitora Patricia Valcárcel presenta un libro sobre gobernanza económica e administración de xustiza

Acompañada, entre outros, polo maxistrado do TS Carlos Lesmes, o presidente do CES, Antón Costas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/02/2024

A vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica da Universidade de Vigo e catedrática de Dereito Administrativo Patricia Valcárcel, acaba de presentar en Madrid Gobernanza económica, regulación y administración de justicia, unha publicación que ela dirixe e que recolle unha selección das principais achegas das ponencias e intervencións realizadas no marco dun congreso. O simposio, organizado pola Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC), o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) e a Real Academia de Jurisprudencia y Legislación de España, tivo lugar en 2022 e nel analizáronse “as orientacións de presente e de futuro que debe ter en conta a gobernanza e a regulación económica”.

A vicerreitora presentou o libro a pasada semana na sede da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia, nun acto que contou cunha importante representación de destacas figuras tanto do eido xurídicos como do político. Entre outros, interviron xunto con Valcárcel, a presidenta da CNMC, Cani Fernández; o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, José Manuel Bandrés; o maxistrado do Tribunal Supremo, Carlos Lesmes; o letrado do Consejo de Estado de España, Rafael Gómez-Ferrer; e o presidente do Consejo Económico y Social de España, Antón Costas. Ademais, entre o público asistente atopábase José Montilla, ex-ministro e ex-presidente da Generalitat de Cataluña ou Soraya Sáenz de Santamaría, ex-vicepresidenta do Goberno de España.

Importantes achegas sobre gobernanza e a regulación económica

Como explica Valcárcel, neste libro intégranse as principais achegas realizadas no marco do congreso e relativas a diferentes aspectos, como por exemplo, a necesidade de impulsar o tránsito cara un novo modelo de globalización que permita manter os efectos positivos asociados á mesma e paliar os negativos e intentando transitar cara a consolidación, no posible, dunha auténtica gobernanza política global. Outro aspecto que se aborda no libro é a importancia de velar pola calidade das institucións, pois a falta de calidade “xera importantes custes económicos e sociais, ata o punto de que o grao de calidade institucional dun país é directamente proporcional á súa saúde democrática e condiciona e inflúe na súa produtividade global e na confianza que nel teñan os inversores, tanto nacionais como internacionais”.

No libro tamén se subliña a necesidade de afianzar unha regulación económica intelixente, como método de ‘dirección’ que busque a estruturación e activación de forzas sociais e económicas ao servizo de intereses xerais e que descanse no coñecido principio better and smart regulation. Isto tradúcese, segundo a docente, en que “calquera resposta regulatoria debe cumprir con, polo menos, catro estándares de calidade normativa: a transparencia, a previsibilidade; a estabilidade ou durabilidade no tempo das normas; e a simplificación administrativa. Exhortouse aos poderes públicos a rearmar, dende o Dereito e co Dereito, un novo modelo de gobernanza pública que non pode fundarse en modelos exclusivamente economicistas”. Ademais, engade Valcárcel, no libro tamén se analiza o rol que asumen na actualidade as administracións públicas, “que deixaron de ser meras prestadoras de servizos para pasar a ser garantes do comportamento dos mercados e do respecto ás regras da competencia, debendo actuar tamén como dinamizadoras e catalizadoras da actividade económica, adoptando un papel proactivo e non meramente reactivo”.

Por outra banda, no libro tamén se reflexiona sobre a importancia de “situar a cidadanía e a dignidade humana no epicentro de calquera boa regulación, favorecéndose con isto un Estado social de benestar e inclusivo”. Finalmente, tamén se recoñece o papel que asumen en todo este entramado tanto o Tribunal de Justicia da Unión Europea (TJUE) como os tribunais de xustiza nacionais “como garantes da boa regulación”. Neste sentido, a catedrática resalta que “foi unánime a opinión de que a súa xurisprudencia con ‘sólidas decisións’ resulta clave neste proceso”.