DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está situada no despacho número 2 da Escola de Enxeñaría Forestal

A Vicerreitoría do campus abre unha segunda sede para achegarse á comunidade universitaria

Antonia Blanco acudirá ao novo espazo todos os mércores e venres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 19/01/2011

A Casa das Campás deixa de ser o único emprazamento oficial da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Desde esta semana, o despacho número 2 na planta baixa da Escola de Enxeñaría Forestal convértese en outro punto de encontro entre a comunidade universitaria e a institución no que estará presente a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, todos os mércores e venres da semana. “Trátase de achegarse á realidade do campus, de convivir cos compañeiros e compañeiras para coñecer de primeira man o que sucede día a día e levar a cabo o traballo que en verdade se necesita”, explica a vicerreitora.

Esta nova sede é froito dunha decisión xa tomada “desde o primeiro momento en que se formou o actual Equipo de Goberno” e que se fixo efectiva neste novo ano. Considera que é importante establecerse no campus pois “é o lugar onde se concentra o maior número de titulacións, sendo o núcleo fundamental con máis peso en canto o número de persoas, sen esquecer Belas Artes”, apunta Antonia Blanco. A finalidade desta proposta é facilitar o contacto entre a comunidade universitaria e a Vicerreitoría “achegándonos nós a eles en vez de ao revés”, facendo máis doado o acceso xa que “profesorado, alumnado e todo o persoal da Universidade pode aproveitar o tempo libre entre clase e clase para vir aquí e poder atender todas as súas demandas e consultas”, indica a vicerreitora.

O novo emprazamento da Vicerreitoría sirve de complemento á Casa das Campas, actual sede oficial, “xa que aínda que está ben dispor dun espazo institucional de referencia, a vida do campus dáse no propio campus e non se pode estar lonxe da realidade de aquí”, conclúe Antonia Blanco. Como aclara a vicerreitora “considérase agora o momento idóneo para isto porque nos catro anos anteriores se estivo forxando toda a estrutura operativa da institución e non deu tempo a pensar en outro tipo de articulacións”. A Escola de Enxeñaría Forestal foi o lugar seleccionado para asentar o novo despacho porque se trata do edificio do campus con máis espazos dispoñibles, podendo ofrecerlle á Vicerreitoría un emprazamento adecuado para ubicar a sede.