DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus asina a acta de recepción dos vestiarios da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Queda entregada deste xeito a última fase prevista para atender as necesidades das titulacións deste

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 15/01/2010

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra, trala finalización das obras, asinou onte a acta de recepción das novas instalacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, consistentes nun amplo módulo de vestiarios. O vicerreitor, Jesús Hernández, subliñou que “deste xeito queda rematada a última fase das obras previstas para atender as necesidades das titulacións desta facultade”.
Trátase dun módulo anexo ao pavillón polideportivo e á pista de atletismo do centro, localizado na planta baixa e ao que se accede desde o corredor central do edificio. Está composto por catro vestiarios para estudantes cunha superficie de 37 metros cadrados cada un e catro vestiarios para profesores de 9,6 metros cadrados, ademais de dous baños, estruturados ao longo dun corredor en forma de L e con catro patios interiores axardinados. A superficie total de planta construída deste anexo suma 362 metros cadrados.
As novas instalacións poderán comezar a utilizarse en breve, tralo seu equipamento co mobiliario pertinente. Súmanse así á cuarta fase do edificio, entregada en outubro, polo que xa leva varios meses en funcionamento, e que inclúe tres laboratorios, un de Ciencias Naturais, un de Fisioloxía e Biomecánica e outro de Artes Plásticas, así como unha aula de informática e novas tecnoloxías e un salón de graos.