DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eva María Lantarón mantivo unha xuntanza co comisario Juan José Díaz

A Vicerreitoría do campus e a Comisaría Provincial exploran vías de colaboración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/04/2023

Nomeado comisario provincial da Policía Nacional en Pontevedra o pasado verán, Juan José Díaz Jiménez mantiña nas súas últimas horas o seu primeiro encontro institucional coa vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, dirixido a explorar posibles vías de colaboración entre a UVigo e a Comisaría Provincial da Policía Nacional. “Veño sobre todo a presentarme oficialmente e a pór a comisaría a disposición da Universidade”, salientou Díaz dunha xuntanza dirixida a explorar “canles de comunicación e colaboración” coa institución académica. “Traballar con diferentes institucións sempre é positivo e contribúe á apertura da Universidade á sociedade”, engadiu Lantarón, que destacou o interese da institución académica por “establecer liñas de colaboración” coa comisaría.

Nese senso, a vicerreitora lembrou que aínda que “pode que non sexan especificamente os das titulacións do campus”, si existen ámbitos de traballo na UVigo que poderían “establecer sinerxías” coas institucións policiais, “xa sexa para a realización de cursos ou para realizar incluso actividades de investigación”. Nesa mesma liña, o comisario provincial sinalou que aínda que no caso de Pontevedra aínda está por desenvolver “noutras comisarías colabórase moito coa universidade”, con iniciativas como cursos e accións formativas ou na organización de visitas ás instalacións e laboratorios científicos. Díaz Jiménez apuntou tamén outras posibles vías de colaboración como a organización de “charlas informativas e de prevención” sobre cuestións como os ciberdelitos, á vez que puxo de relevo a importancia de “abrir a policía á sociedade”.