DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sala de musculación do pavillón ten unha media de 100 usuarios ao día, na súa maioría mulleres

A Vicerreitoría do campus organizou no pasado curso máis de 60 actividades culturais

'Digitalis', 'Fálame do Teu', 'Xoves de Moda' e Debut foron as de máis éxito

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 04/10/2012

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra vén de rematar o balance sobre as actividades culturais e deportivas organizadas e promovidas no pasado curso 2011-2012. 32 actuacións divulgativas, 33 cursos de formación e unha media de 300 usuarios nas escolas deportivas son o resumo en datos dun ano que a Vicerreitoría valora “como moi positivo”. Tanto Ana Belén Fernández Souto, responsable da programación cultural do campus, como Gustavo Loureiro, técnico especialista en actividades deportivas, destacan por riba de todo o respaldo do público, “contando cunha boa acollida non só por parte da comunidade universitaria, senón tamén da cidadanía en xeral”, explica Fernández Souto.

Entre as máis de 60 accións formativas e divulgativas promovidas no curso 2011-2012, hai que diferenciar entre as organizadas na Casa das Campás, “de carácter máis xeral”; nas escolas e facultades do campus, “máis especializadas en función dos perfís das titulacións” e na Sala X. Segundo os resultados achegados por Ana Belén Fernández Souto, o ciclo de conferencias Fálame do Teu, que tivo lugar nos meses de outubro e novembro, contou cunha grande afluencia de público “xa que trouxo a Pontevedra profesionais de primeiro nivel da comunicación e da publicidade”. Polo seu perfil temático, os ciclos de cine da Casa das Campás tamén obtiveron unha boa resposta “debido en parte porque proxecta películas e filmes aos que son difíciles de acceder por outras canles”. Como vén sendo habitual, os Xoves de Moda e Debut 2011 “gozaron dunha boa repercusión mediática” así como as xornadas sobre redes sociais, Digitalis, que se celebraron por primeira vez o pasado curso “e que bateron récord de asistencia ao ter de convidados a Jennifer Preston, do New York Times ou aos principais expertos internacionais no tema”.

A directora da Área de Extensión explica que a oferta cultural da Universidade conseguiu “facerse un oco” na cidade tras sete anos de vida. “Pódese dicir que a Casa das Campás estase a converter nun referente en Pontevedra, pero hai que seguir traballando para a súa consolidación”, apunta Fernández Souto que deseña a estratexia de programación pensando “na inmensa minoría”. Aínda que para este curso a vicerreitoría mantén a mesma liña de actuación que nos pasados anos, Ana Belén Fernández Souto admite que a limitación orzamentaria provocou diversos axustes “o que non nos impediu seguir mantendo e ofrecendo o servizo de forma gratuíta para todo o mundo, algo de moito valor nos tempos que corren”, conclúe.

No pavillón, maioría mulleres

No Pavillón Universitario do campus pontevedrés, o balance de actividades do pasado curso vai en paralelo ao da oferta cultural. Gustavo Loureiro salienta o nivel de usuarios das Escolas Deportivas, con máis de 300 matriculados e matriculadas nas modalidades de aerobic, taekwondo, pilates, artes marciais, musculación, full equipe, tai chi, natación e kung fu. As que achegan máis número de participantes son aeróbic e a sala de musculación cunha media de 100 visitas ao día. “Estar situados no centro da cidade, as condicións económicas vantaxosas e o horario de 9.00 a 23.00 horas fan posible que a sala de cardio fitness teña tanto éxito entre a comunidade universitaria”, subliña Gustavo Loureiro que tamén destaca a alta presenza feminina “pois as mulleres representaron o 70% das inscricións nas Escolas Deportivas no curso 2011-2012”. Non obstante, os homes seguen sendo maioría na organización de ligas, trofeos e torneos universitarios. O programa Ponte en forma do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo atraeu sobre todo ao persoal de administración e servizos do campus, “que se amosou bastante proclive a seguir un adestramento personalizado con revisións médicas periódicas incluídas”.

Ademais das actividades propiamente pensadas para a comunidade universitaria, o pavillón tamén colaborou no pasado ano en varias actuacións puntuais, como na velada de boxeo e de kick boxing, no trimaratón organizado por CAFYD, en cursos de tai chi ou no Campionato Galego Junio de Loitas Olímpicas. “O pavillón está aberto a todo tipo de colaboracións puntuais, pondo a disposición da cidadanía as nosas instalacións para facilitar o máximo posible o fomento do deporte entre a sociedade”, indica o responsable de deportes do campus.