DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante o seu nomeamento como conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade

A Vicerreitoría do campus renovarase tras a marcha de Elena Rivo

As competencias serán asumidas de xeito provisorio polo reitor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 14/06/2023

Cando está a piques de cumprirse un ano do seu mandato como vicerreitora do campus de Ourense, Elena Rivo deixa o seu posto para pasar a formar parte do goberno galego, concretamente para ser conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. As competencias da vicerreitoría do campus de Ourense son exercidas por delegación do reitor, polo tanto, de xeito provisorio e ata o próximo nomeamento dun novo vicerreitor ou vicerreitora de campus, estas competencias serán exercidas desde este mércores por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo.  

Elena Rivo López é licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidad Complutense de Madrid, onde recibiu o premio extraordinario de carreira. Doutora en Administración e Dirección de Empresas (2002). Foi profesora contratada doutora e investigadora no Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo desde 1999, pasando precisamente no día de onte a ser profesora titular de universidade tras realizar a defensa da súa praza. Foi decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense do campus de Ourense (2013-2019); coordinadora do Mestrado en creación, dirección e innovación na empresa da Universidade de Vigo (2011-2014) e comisionada de Coordinación Institucional da UVigo (2019-2022). No eido da investigación, participa en diversos traballos e proxectos en temas relacionados coa empresa familiar, emprendemento e innovación docente. É codirectora da Cátedra da Empresa Familiar da Universidade de Vigo e pertence ao grupo de investigación GEN (Governance and Economics Research Network). Desde o pasado 21 de xuño de 2022 era vicerreitora do campus de Ourense co equipo de goberno presidido polo reitor Manuel Reigosa.