DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola asociación Manaia, terá lugar o 29 e 30 de setembro en Pontevedra

A Vicerreitoría colaborará co V Congreso Galego de Adopción e Acollemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
DUVI Pontevedra 13/09/2023

A Asociación Galega de Adopción e Acollemento, Manaia, promove os días 29 e 30 de setembro no Pazo da Cultura o V Congreso Galego de Adopción e Acollemento, un evento que reunirá profesionais, expertos, familias, persoas adoptadas e extuteladas e que contará coa colaboración da Universidade de Vigo. Explorar as vías de colaboración da institución académica neste evento foi o obxectivo da xuntanza que este mércores mantiveron na Casa das Campás a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e o coordinador de Manaia, Antón Mouriz.

“A Universidade ten especial sensibilidade en todo o que é a colaboración con diferentes colectivos que poidan ser sensibles a nivel social”, salientou Lantarón, que incidiu tamén no interese deste congreso para o alumnado do campus e, nomeadamente, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “Non debemos perder de vista que moitos serán profesionais do ensino e a posibilidade de ter coñecemento destas realidades e ferramentas coas que adaptarse ás circunstancias que poida supor cada un dos casos, non deixa de ser unha fortaleza na súa formación”, salientou a vicerreitora. De feito, como se abordou nesta xuntanza, o congreso contará cunha serie de prazas gratuítas para alumnado de diferentes titulacións da UVigo. “Para nós é moi importante colaborar coa Universidade”, engadiu Mouriz, que incidiu nas posibilidades desta cooperación en ámbitos como a formación ou a investigación. No referido ao congreso, o responsable de Manaia lembrou que o evento contará coa participación como conferenciantes de expertos e expertas de diferentes universidades e de diferentes profesionais, pero tamén “con familias que nos contarán a súa experiencia e este ano tamén con moitas persoas adoptadas ou extuteladas”. Ao igual que en anteriores edicións, engadiu, este foro contará cunha primeira xornada “máis enfocada ao persoal técnico”, mentres que a programación do sábado está orientada xa en maior medida ás familias.