DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonia Blanco mantivo unha xuntanza coas concelleiras Anxos Riveiro e Carmen Fouces

Vicerreitoría e Concello reafirman o seu compromiso de seguir traballando conxuntamente

Desde a administración local trasladan a súa vontade de colaboración co proxecto Green Campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 23/04/2014

Reafirmar os compromisos que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Concello estableceron ao longo dos últimos anos e facer balance dos proxectos desenvolvidos conxuntamente, centraron a reunión que este mércores mantivo a vicerreitora en funcións Antonia Blanco coas concelleiras de Cultura, Anxos Riveiro, e Servizos Sociais, Carmen Fouces. Entre outros asuntos, nesta reunión abordouse o desenvolvemento do programa sociocultural Tangram, que a Vicerreitoría impulsou coa colaboración de Cultura, e púxose sobre a mesa a vontade do Concello de colaborar co proxecto Green Campus.

A este respecto, Riveiro afirmou que “dentro das posibilidades que teñamos, colaboraremos para que o Green Campus vaia adiante”. A responsable de Cultura sinalou que esa implicación da administración local deberá definirse “de xeito global, non desde unha concellería particular, senón desde o propio Concello”, coa idea de contribuír a que a cidade conte cun campus “forte e diferenciado”. Neste senso, Blanco destacou a importancia dun proxecto que busca obter a Bandeira Verde que outorga a FEE (Foundation for Enviromental Education) a campus e facultades polas súas actuacións en materia de xestión e educación ambiental. “Penso que é un gran proxecto que non só vai ter unha repercusión na imaxe da Universidade e do campus, senón que tamén vai a ter unha gran repercusión cidade”, salientou a vicerreitora, que considera que o Green Campus suporá para a institución académica “unha imaxe consolidada de compromiso co medio ambiente que encaixa perfectamente cun coidado da cidade que xa ten tradición neste concello”.

Tangram, unha iniciativa “de longo percorrido”

A primeira colaboración da administración local con esta iniciativa chegou a través de Tangram, un programa que engloba a construción dunha caseta veciñal no barrio da Parda, o deseño de mobiliario adaptado ás necesidades da cidadanía e a creación dun Banco-Escola no que alumnado e veciños e veciñas intercambien coñecementos. A este respecto, Blanco aproveitou esta xuntanza para presentar ás concelleiras como esta iniciativa se insire dentro “dun proxecto máis global como é o Green Campus”, así como para facer balance das actuacións levadas a cabo ata o momento no marco dun programa que, como salientou Riveiro, “vai ter un longo percorrido”.

Por outra banda, a xuntanza serviu para poñer sobre a mesa que “toda a colaboración que existe entre o Concello e a Universidade ten que permanecer”, como salientou Blanco, que desexou que esta se estenda tamén ao proxecto de especialización do Campus Crea, “no que o Concello vai ter moito que dicir”. A este respecto, Fouces destacou que a xuntanza permitiu “reafirmar os compromisos que se estableceron durante estes anos” e que continuarán unha vez o decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, tome o relevo de Blanco á fronte da Vicerreitoría.

A visión social da Universidade

Ademais de para facer balance, a vicerreitora aproveitou a xuntanza para despedirse dunhas concelleiras “coas que foi un pracer traballar, xa que non entenden a Universidade como algo pechado, senón que viron a riqueza que podía achegar á cidade”. Neste senso, Blanco fixo énfase na “colaboración estreita” que lle brindou a administración local ao longo dunha etapa que definiu como moi satisfactoria. “Poucas persoas teñen o privilexio de traballar para a súa cidade desde o seu ámbito profesional e a min a Universidade deume esta oportunidade”, destacou Blanco.

Na mesma liña, Fouces destacou a “visión social da Universidade” que pasa por “abrir as portas para que as cousas flúan dun lado cara outro” e destacou que para a cidade “é un plus ter un campus universitario moi relacionado coa realidade do municipio”. A responsable de Servizos Sociais destacou o labor levado a cabo por Blanco na súa etapa á fronte da Vicerreitoría como tamén fixo Riveiro, que agradeceu a vicerreitora “que nestes anos tivese iniciado un proceso de diálogo para sacar adiante unha serie de proxectos beneficiosos para toda a cidadanía".