DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha liña de colaboración na que se insiren iniciativas como a Semana da Creatividade da Innovación

Vicerreitoría e Consello Social promoverán encontros, obradoiros e xornadas para impulsar o Campus Crea

Promoverán debates con referentes deportivos e empresariais e talleres sobre innovación e artesanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 17/03/2022

Dar impulso ao Campus Crea é o obxectivo central do programa de actividades que ao longo de 2022 se desenvolverán en Pontevedra ao abeiro da liña de colaboración entre a Vicerreitoría do campus e o Consello Social da Universidade de Vigo. Entre as accións previstas para os próximos meses, atópase o desenvolvemento en abril da Semana da Creatividade e da Innovación, que porá o foco na sostibilidade e no emprendemento; a organización dun ciclo de encontros con persoas de referencia en ámbitos como o deporte, a empresa ou a cultura, que leva por título Talento, Superación e Desafíos; ou novas edicións das Xornadas de Investigación Campus Crea e dos encontros entre empresas e grupos de investigación. A estas iniciativas súmanse os Premios CREA e un novo ciclo de obradoiros que vincularán innovación e artesanía, como anunciaron este xoves en rolda de prensa o vicerreitor, Jorge Soto, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.

Docencia, investigación e transferencia, as tres facetas “máis unidas ao ser da Universidade”, sinalou Soto, constitúen o eixo deste conxunto de actividades, vinculadas a proxecto de especialización do campus en torno á creatividade e a innovación. Dous ámbitos que, engadiu o presidente do Consello Social, “estanse apropiando desta cidade”, converténdose nunha “marca que comeza a ser sólida, sostible e efectiva cun campus líder e motriz, moi especializado e cun gran éxito de matriculación”. Pedrosa lembrou tamén que se trata do segundo ano no que ambas entidades promoven un convenio marco de colaboración, no que se insiren unha serie de iniciativas ligadas á súa vez a “cuestións fundamentais” para o Consello Social, como son “o apoio ao alumnado e a proxección da Universidade na sociedade, que é cada vez máis necesaria”.  

Sostibilidade e emprendemento na Semana da Creatividade

Unha das iniciativas inseridas nesta liña de colaboración é a celebración, entre o 18 e o 22 de abril, da Semana da Creatividade e da Innovación, no marco da que se desenvolverán diferentes actividades, como conferencias e obradoiros que terán como “temas principais o emprendemento e a sostibilidade”, como explicou Soto, quen incidiu en que se trata de dous eidos que “forman parte do ADN desta Vicerreitoría” e nos que cómpre “seguir insistindo” a través do Campus Crea e do Green Campus. 

Ligados tamén a esta conmemoración, impúlsanse por segundo ano os Premios Campus CREA-Creatividade e Innovación, dirixidos a recoñecer as obras realizadas por estudantes de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento englobados no proxecto de especialización. “O seu obxecto é recoñecer diferentes facetas da actividade creativa e de innovación desenvolvidas polo alumnado da Universidade de Vigo”, salientou o vicerreitor dun certame que abría recentemente o prazo de presentación de propostas e no que outorgaranse tres premios de 1500, 1000 e 500 euros. 

Encontros entre investigadores e co tecido empresarial

Entre as accións previstas atópanse tamén as IV Xornadas de Investigación Crea, que terán lugar en novembro e que están dirixidas “a divulgar os traballos científicos do alumnado de doutoramento”, nun encontro cun formato similar ás sesións de presentación de pósters nun congreso. Así mesmo, nesta colaboración insírense tamén as Xornadas Universidade-Empresa, dirixidas a dar a coñecer as liñas de traballo dos grupos de investigación do campus a empresas e colectivos de diferentes sectores. “A información e os contactos que saen de aí son fundamentais”, subliñou Soto, que explicou que tras o desenvolvemento dun encontro centrado nos ámbitos da saúde e a terceira idade a finais de 2021, a pasada semana tivo lugar unha xornada centrada nos ámbitos da creatividade e a comunicación, que se verá continuada proximamente por un encontro centrado no medio ambiente e a natureza.

Da necesidade de referentes á innovación na tradición

Outra das iniciativas anunciadas foi Talento, Superación e Desafíos, dirixida a reunir “arredor dun debate, persoas de diferentes ámbitos”, como o empresarial, o deportivo ou o cultural, “que teñan sido ou sexan referentes polo seu talento e capacidade de superación”, apuntou Soto. “Pensamos que hoxe en día é importante ter referentes, modelos aos que poder seguir”, engadiu o vicerreitor, para quen estes encontros constitúen “unha plataforma extraordinaria para estimular aos novos emprendedores”.

Por último, outra das actividades porá o foco “nos oficios de sempre a través da innovación”, nunha iniciativa dirixida a “dar a coñecer iniciativas empresariais que introduciron con grande éxito a innovación conceptual, artística e técnica nos oficios tradicionais”. Segundo adiantou o vicerreitor, tratarase de obradoiros dirixidos a “descubrir e pór en práctica as formas de traballar” de profesionais ligados á artesanía, ao “emprego de materiais propios” e á “recuperación de zonas rurais”.