DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova edición do concurso ‘Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas’

A Vicerreitoría convida o alumnado a reinterpretar a obra de Francisco Fernández del Riego

O seu obxectivo é que sirva de inspiración para creacións en múltiples disciplinas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/04/2023

“Estimular a creatividade e a innovación entre o alumnado da Universidade de Vigo a partir da revisión, reflexión e análise da produción cultural de Francisco Fernández del Riego” é, como recolle a súa convocatoria, o principal obxectivo do terceiro premio Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, co que a Vicerreitoría do campus quere sumarse á conmemoración, o vindeiro mes de maio, do Día das Letras Galegas. Aberto á participación de todo o alumnado da UVigo, este certame propón que a produción cultural do escritor e ensaísta homenaxeado no presente ano sirva como inspiración para a creación dun “produto cultural ou tecnolóxico de diferente índole”. Nese senso, trátase dun certame na que o alumnado participante terá “liberdade e técnica e artística” para desenvolver todo tipo de obras inspiradas no traballo de Fernández del Riego, promovendo deste xeito que a súa produción literaria sirva como punto de partida para a creación de ilustracións, cómics, fotografías, infografías, pezas escultóricas, composicións musicais ou pezas audiovisuais.

“A pretensión fundamental é potenciar unha mirada da obra” deste ensaísta e escritor “desde outras concepcións artísticas, códigos e soportes”, recolle a resolución reitoral pola que se convoca a terceira edición deste premio, que a Vicerreitoría dedica cada ano á produción literaria do autor ou autora homenaxeado no Día das Letras Galegas. Ata o 4 de maio permanece aberto o prazo de presentación de traballos a un certame que busca “promover a creatividade do alumnado” e achegalos “ao personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas”, como salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. De aí que destaque o positivo de dar continuidade a unha iniciativa que contribúe a que o estudantado indague “e faga a súa propia interpretación” da obra e traxectoria de Fernández Del Riego, que en 1992 se convertía no primeiro doutor honoris causa na historia da Universidade de Vigo. Escritor, intelectual e político, na traxectoria do autor homenaxeado neste 2023 destacan tanto os seus ensaios sobre a cultura e a literatura galegas, xunto á súa obra narrativa, ademais ter sido un dos impulsores da editorial Galaxia, director da revista Grial ou presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001.

Tres premios

Aberto á participación de todo o alumnado da UVigo, neste certame outorgaranse tres premios, cunha dotación económica de 300, 250 e 200 euros, que se entregarán no marco dos actos de celebración do Día das Letras Galegas da Vicerreitoría do campus. O prazo de presentación de traballos permanece aberto ata o xoves 4 de maio e as persoas interesadas en concorrer deberán presentar as súas obras na Casa das Campás, en horario de 9.00 a 14.00 horas, xunto cun sobre no que inclúan o título e unha breve descrición do seu traballo e un segundo sobre cos seus datos persoais. Como recolle a resolución reitoral pola que se convocan estes premios, as obras de carácter material, como fotografías, ilustracións ou pezas escultóricas, terán que presentarse de xeito físico, mentres que as audiovisuais deberán achegarse nun soporte dixital. Unha comisión integrada por representantes da Vicerreitoría e membros da comunidade universitaria encargarase de decidir o nome das obras gañadoras, valorando “a calidade artística, a creatividade, a técnica e a orixinalidade da idea presentada”.