DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonia Blanco avaliou cos decanos e directores as diferentes actuacións

A Vicerreitoría destina preto dun millón de euros a obras de mantemento e adecuación dos centros ao EEES

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 07/07/2010

Representantes da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra mantiveron unha primeira xuntanza cos membros dos decanatos e das direccións das facultades e escolas do campus para facer unha avaliación e seguimento do cumprimento das obras RAM (Reforma, Acondicionamento e Mellora) e das obras de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) previstas nos seus centros para este ano. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, sinalou como dato máis relevante en relación ás obras de mantemento que se cumpriron todos os compromisos e que, nesta altura do ano, xa se investiu a partida orzamentada para este cometido, que ascende a 285.000 euros.

“No novo contexto do ensino europeo a tendencia é traballar máis nas aulas coas novas tecnoloxías e con grupos máis reducidos, por iso a maior petición neste senso dos docentes é de aulas de informática”, afirmou Blanco, que espera poder atender a maior parte das súas solicitudes. Para estas obras de adecuación ao EEES a vicerreitora indicou que este ano se reservou un presuposto de 700.000 euros, que inclúe a intervención feita en Belas Artes. “Ao non dispor dun edificio novo para esta facultade tivemos que realizar un investimento de choque para adecuar os seus espazos ás novas titulacións”, explicou.

Racionalización de espazos e enerxía

Tras esta primeira toma de contacto da nova vicerreitoría cos equipos de goberno dos centros espérase levar adiante un traballo conxunto fluído e continuo. A próxima cita será á volta das vacacións do verán, a finais de setembro e nela Antonia Blanco presentaralles aos centros un plan de priorización de intervencións no campus no próximo ano, para valorar o seu custe e facerlle chegar o orzamento á reitoría.

De cara a esa próxima reunión, a vicerreitora subliñou tamén que traballarán a prol da racionalización e optimización dos espazos para un uso común. “Veremos que espazos están dispoñibles nos centros para analizar a posibilidade de compartir aulas de informática ou laboratorios”, manifestou. Así mesmo, fixo fincapé nos dous piares principais nos que seguirán afondando de cara ao outono: a elaboración dun plan de mantemento para todos os centros e a confección dun estudo de aforro enerxético de todos os edificios do campus. “A Unidade Técnica do campus xa está traballando nestes dous documentos”, asegurou, ao tempo que sinalou a implantación das enerxías renovables como unha prioridade da vicerreitoría. Neste senso, tras as intervencións realizadas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e no Pavillón Universitario, sinalou que este ano se actuará na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e na Escola Universitaria de Fisioterapia.

Ampliación da rede IRIS

No transcurso da reunión a vicerreitora informou tamén aos directores e decanos de centros das cuestións tratadas na Comisión Concello-Universidade e da ampliación do servidor da rede de datos IRIS. Esta ampliación, instalada na EUET Forestal, quedou rematada a finais de xuño e que pasará a abastecer a toda a Universidade. “É un proxecto financiado pola Xunta de Galicia que nos permite desde o campus contribuír a ampliar a potencia da rede universitaria de datos e poder así acadar unha maior fluidez para as nosas páxinas web e para a transferencia de información”, destacou Antonia Blanco. Indicou que se considerou a EUET Forestal o mellor espazo para a localización da rede IRIS porque xa estaba aloxado na escola un primeiro servidor central.