DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes espalla a súa oferta de cursos de verán polo campus e varios concellos da provincia

Na Illa de San Simón reflexionarase sobre patrimonio e conservación e en Nigrán sobre urbanismo e me

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 18/05/2009

Na recta final do cuadrimestre a poucas semanas de comezar os exames de xuño, a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes presenta a súa oferta de cursos para os meses estivais que, ano tras ano, tratan de abrirse ao público en xeral e de estreitar a colaboración cos concellos da contorna.
Nesta edición e ademais dos obradoiros que se desenvolverán no campus de Vigo, o catálogo comprende actividades no Carballiño, en Nigrán, la Illa de San Simón e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla.
Segundo explica a vicerreitora, María del Carmen Cabeza, “esta liña de tratar para sacar algúns cursos fóra do campus xorde de xeito natural, por iniciativa tanto nosa como dos concellos e outros organismos e tradúcese nunha estreita colaboración e nun esforzo conxunto”.
Dende xullo e ata setembro desenvolveranse un total de doce cursos que conforman unha temática aberta e variada na que se conxugan “apostas que repiten de anos anteriores e que contan con moi boa acollida” e obradoiros novos de temas de actualidade. Segundo apunta a vicerreitora, “temos unha oferta moi potente e a selección da mesma supuxo un duro traballo porque o nivel de todos os cursos que se propuxeron era de moi alta calidade”. O catálogo de cursos comprende temas como o termalismo, a conservación ambiental, as explotacións acuícolas, a arte, cuestións informáticas, primeiros auxilios, tradución ou as desigualdades sociais e económicas e os diversos xeitos de afrontalas. Para Mª Carmen Cabeza, outra das características destes cursos é “o aire multidisciplinar que achegan moitos deles” tratando o mesmo tema pero dende perspectivas moi diversas, combinando campos tan distantes aparentemente como arte e mercado ou bioloxía e empresa.

Meses estivais cargados de actividades

A oferta de cursos de verán da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes ofrece a posibilidade, tanto á comunidade universitaria como á sociedade en xeral, de achegarse, lonxe da disciplina das aulas, a temas de actualidade e de cultural xeral.
No mes de xullo comezarán a desenvolverse os primeiros obradoiros. A partir do día 22 abrirá as súas portas a ECIMAT para os matriculados no curso sobre Viabilidade económica e xestión de explotacións acuícolas. Así, os asistentes poderán coñecer de preto unha das instalación punteiras a nivel mundial que traballan no eido mariño.
Na mesma data botarán a andar tamén outros cinco cursos: Cara a unha banca máis ética, cunha marcada perspectiva de docencia virtual; Sistemas de información xeográfica (SIX). Software libre; Enfrontarse ás urxencias cardiovasculares; Tradución Audiovisual. A dobraxe no contexto profesional e Primeiros Auxilios. Unha semana despois, comezará o obradoiro sobre Seguridade telemática. Todos eles desenvolveranse no campus vigués agás o curso sobre urxencias cardiovasculares que se impartirá no Hospital do Meixoeiro.
Xa no mes de xullo terán lugar dos novos cursos pero fóra do propio campus. O complexo residencial do Colexio Húerfanos del Mar de Nigrán será a sede do curso sobre dereito urbanístico e medio ambiente e, co pago da matrícula, os asistentes terán dereito ao aloxamento nestas instalacións. Seguidamente, a partir do día 7 de xullo, a vila do Carballiño acollerá un curso que nos últimos anos está a ter unha moi boa acollida centrado no termalismo e a innovación nos centros termais.
No mes de agosto, a Illa de San Simón será o escenario privilexiado no que debater sobre A interpretación do patrimonio como ferramenta para a conservación. Para o mes de setembro quedan dous cursos máis, ámbolos dous no campus de Vigo: Un mundo desigual: retos e perspectivas e O prezo da arte.

A matrícula para calquera dos cursos xa está aberta e os prezos oscilan entre os 40€ e os 120€, dependendo da duración e do lugar de celenración do mesmo, habendo descontos estipulados para os bolseiros da Universidade de Vigo do 50% e os membros da comunidade universitaria en xeral do 25%.
A información de cada un dos cursos e da matrícula pódese consultar na web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.