DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de concienciar á comunidade universitaria dos seus efectos na saúde 

A Vicerreitoría impulsa unha campaña informativa contra o tabaquismo 

A iniciativa aborda tamén os danos que causa no medio ambiente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/12/2020

Cinco enfermidades están directamente relacionadas co consumo de tabaco e o seu tratamento cústalle 7695 millóns de euros anuais ao sistema sanitario. A produción de tabaco provoca cada ano a corta de 200.000 hectáreas de bosque e selva e, no actual contexto sanitario, o fume de tabaco pode ser un factor de transmisión de partículas víricas. Estas son algunhas das mensaxes que reúne a campaña informativa desenvolvida pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, xunto coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade, co obxectivo de concienciar á comunidade universitaria dos efectos do tabaquismo na saúde.

“Trátase dunha campaña que busca informar e concienciar, e tamén promover a promoción de hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria, que é un dos obxectivos do programa Green Campus”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Unha serie de carteis, deseñados pola Área de Imaxe da Universidade, dependente da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, difúndense nestes días tanto a través das redes sociais como nas pantallas das facultades e escolas, así como, de forma física, nas entradas aos diferentes centros. Deste xeito, a iniciativa busca tamén pór o foco nos riscos engadidos que, no marco da crise santiaria, supón fumar en determinados puntos, “como é o caso das portas de entrada aos centros”, explica o vicerreitor.

“Fumar acelera o cambio climático”

“O que ti fumas aféctanos a todos e todas” é o lema dun dos catro carteis que integran esta campaña, que pon o foco nas consecuencias en materia de saúde do tabaquismo. Nesta mesma liña, outra das mensaxes incide en que, nun contexto de pandemia, “fumar é un risco para todos e todas”, xa que o fume “pode transportar partículas víricas e aumenta o risco de transmisión da covid-19”. Ao mesmo tempo, esta campaña pon o acento nos danos que esta industria provoca no medio ambiente. “Fumar reduce a biodiversidade e acelera o cambio climático” é o lema doutros dos carteis, que lembra como, desde 1970, a súa produción implicou a corta de 1500 millóns de hectáreas de bosques, “o que elevou nun 20% os gases de efecto invernadoiro”, á vez que sinala que a industria tabaqueira “produce grandes cantidades de residuos industriais e químicos”. Noutro dos carteis, a campaña resalta tamén que, segundo a lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, o consumo desta substancia está prohibida nos centros de ensino, agás “nos espazos ao aire libre dos centros universitarios, sempre que non sexan acceso inmediato aos edificios ou ás beirarrúas dos arredores”.