DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eva María Lantarón reuniuse nesta xornada co seu director, Xosé Manuel Rey

Vicerreitoría e Museo de Pontevedra exploran vías de colaboración para o desenvolvemento do Campus Crea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/09/2023

Contar co Museo de Pontevedra como aliado nos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea como campus de especialización. Ese foi o obxectivo da xuntanza que mantiveron nesta xornada a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey. Coa participación da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e do director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, esta reunión tivo como obxectivo explorar posibles vías de colaboración e traballo conxunto no marco deste proceso, así como poder contar co apoio e asesoramento da institución dependente da Deputación  de Pontevedra nunha “serie de actividades que imos desenvolver no que queda de ano”, anunciou Lantarón.

“Para nós o Museo de Pontevedra, como ente cultural da cidade, é unha peza fundamental para axudarnos a tomar decisións en canto ás liñas a seguir para avanzar no que é o campus de especialización”, salientou Lantarón, que lembrou que Rey é tamén un dos membros do comité consultivo social-empresarial do Campus Crea. “Desde o punto de vista do Museo de Pontevedra, como unha organización de referencia en Galicia e plenamente implantada na cidade, estamos encantados de colaborar coa Vicerreitoría para tratar de que o campus de especialización poida levarse a bo termo”, engadiu o director do Museo. Nese senso, Rey destacou que, no referido “á creatividade, o patrimonio cultural e todos os elementos asociados”, o proxecto de especialización está “intimamente relacionado” co labor desta institución, motivo polo que manifestou a súa vontade “de poñer a disposición do campus todo o noso coñecemento e experiencia nestes ámbitos”.