DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade lanza máis de 140 bolsas para completar a formación dos estudantes no eido da infórmatica

As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 20 de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/02/2008

Co obxectivo de completar a información dos estudantes nun entorno real a Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade fai pública unha nova convocatoria de bolsas no eido da informática, en concreto 112 dirixidas a colaborar nos Sistemas Informáticos e 29 destinadas a axudar na aplicación nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
Estas bolsas están repartidas entre os tres campus, incluíndo tanto escolas e facultades como a Biblioteca Central ou a Aula Fundición, e terán unha dedicación adecuada para que non representen un atranco no desenvolvemento docente dos estudantes. “Son bolsas que se adaptan moi ben ao tempo libro dos alumnos, sobre todo, para aqueles que están a facer o proxecto fin de carreira ou tese de licenciatura”, sinala Carlos Román, un dos coordinadores.
O tempo de dedicación estará comprendido entre 10 e 20 horas semanais, podéndose establecer, segundo as dispoñibilidades dos estudantes e de titorización, quendas de mañá e tarde.
Á hora de valorar as diferentes solicitudes, que deben presentarse antes do 20 de febreiro, o tribunal terá principalmente en contra a formación previa dos alumnos, de xeito que o traballo a desenvolver garde unha estreita relación cos seus estudos e poidan así aplicar os coñecementos adquiridos nas aulas.
A contía das bolsas depende do tipo de axuda. As denominadas PC1 e PC2 van dirixidas sobre todo ao control e mantemento das Aulas Informáticas dos distintos centros, mentres que as denominadas SC requiren maiores coñecementos de informática, xa que as tarefas que van desenvolver son moito máis específicas. Trátase, por exemplo, de desenvolver traballos nos eidos audiovisual, deseño web e CAD, teledocencia...
Os estudantes que accedan a estas bolsas poderán beneficiarse da axuda un tempo máximo de 24 meses.
Os interesados en participar na convocatoria deberán rexistrarse e cubrir o formulario de solicitude que se atopa, xunto coa convocatoria, na páxina web: http://vicntc.uvigo.es/bolsas/