DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría ofrece un curso gratuíto de tratamento de imaxes con software libre

O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe ata o vindeiro venres día 29 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 25/01/2010

As tecnoloxías dixitais impulsaron o espallamento das imaxes na nosa contorna cotiá, sendo importante xa non só a súa captación mediante dispositivos como cámaras senón tamén o seu tratamento e manipulación. Isto conduce a unha necesidade crecente de coñecementos informáticos a nivel usuario. Para atender esta demanda, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra ofrece o curso gratuíto Gimp, creación e retoque de imaxes mediante software libre, centrado neste programa de código aberto dispoñible na rede. Nesta actividade formativa impartiranse nocións de como crear, manexar, editar e retocar imaxes empregando este software, que constitúe unha alternativa á coñecida aplicación comercial PhotoShop. Desenvolverase os luns, os mércores e os venres de 19.00 a 21.00 horas e do 1 ao 12 de febreiro na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás.
Este curso está dirixido tanto á comunidade universitaria como a persoas externas a ela. “O público obxectivo desta actividade é calquera persoa e non fai falta ter coñecementos previos, porque comezamos desde cero”, sinala a profesora, Sonia Fernández Ferrón, quen precisa que está pensado para “crear e editar imaxes a nivel usuario e non profesional, co obxectivo de saber manipulalas segundo a onde se vaian dirixir: a impresora, Internet ou unha fotocopiadora dixital, por exemplo”. Os contidos do curso abranguen a análise e o uso da interface e as ferramentas do Gimp, os diferentes tipos e formatos de arquivos, o tratamento da cor e o traballo con capas, seleccións e máscaras. Aínda que esta aplicación ofrece tamén a posibilidade de codificar funcións, neste curso non se verán cuestións de programación, senón só aspectos xerais das tarefas de manipulación de imaxe que permite o Gimp, incluíndo retoque fotográfico, composición e creación de imaxes.

Un software gratuíto e vivo

A principal vantaxe do Gimp para Fernández Ferrón é que “se trata dun software gratuíto, que todos podemos conseguir grazas á súa dispoñibilidade a través de varias fontes, pois a maioría das distribucións de GNU / Linux inclúeno como unha aplicación estándar". Destaca que, ademais, "está sempre vivo a través de actualizacións continuas con plugins novos” e que "é unha aplicación de software libre cuberta pola Licencia Pública Xeral (GPL), que lles brinda aos usuarios a liberdade de acceder e modificar o seu código fonte".
Principal competidor do PhotoShop, a profesora considera que o Gimp non ten nada que envexarlle, posto que ten as mesmas características e funcións. "Gimp ten moitas capacidades, pode ser utilizado como un simple programa de debuxo, para o retoque fotográfico profesional, como un sistema en liña de procesamento por lotes, como un procesador de imaxes para produción en masa ou como un convertedor de formatos de imaxe", destaca e engade que "a súa interface de scripting avanzado permite todo, desde as tarefas máis simples, aos procedementos de manipulación da imaxe máis complexos, que poden ser facilmente executados por secuencias de comandos". Cre tamén que este programa “ten unha contorna moi sinxela, cunha interface moi fácil de entender", que favorece o seu manexo. Outra singularidade do Gimp é que é multiplataforma, é dicir, que está dispoñible para diferentes sistemas operativos, polo que serve tanto para o Pc como para o Mac de Apple, ademais de Linux.

Matrícula a través da plataforma Bubela

Ofértase un total de 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. A matrícula é gratuíta e poderá formalizarse desde hoxe ata o vindeiro venres día 29 de xaneiro a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virutual. A información relativa a este curso pode consultarse na páxina web da Vicerreitoría do campus de Pontevedra no seguinte enlace: Gimp, creación e retoque de imaxes mediante software libre.