DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría organiza un taller de deseño web con recursos gratuítos

A matrícula pode realizarse ata o día 14

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 12/01/2009

Cada vez máis, a presenza en Internet resulta imprescindible, tanto a nivel profesional como persoal, para coñecer e darnos a coñecer no resto do mundo. E como se trata dun aspecto que vai arroxar unha imaxe de nós, convén facelo o mellor posible. Esta necesidade e o emprego de programas de software libre únense no taller de deseño e publicación de páxinas web con recursos gratuítos que organiza a Vicerreitoría do campus.
Segundo explica a profesora do curso, Lidia Nokonoko, o obxectivo é “aproveitar a auxe do software libre para aprender o manexo de programas como o Gimp e o Kompozer”. Deste xeito, aqueles que agora non teñan coñecementos de deseño web serán quen de articular unha páxina web sinxela cando remate o curso. E aínda despois, poderán seguir aprendendo xa que “é só un primeiro chanzo porque tamén se presentarán recursos gratuítos e tuturiais” para consultar e ir ampliando as habilidades nesta disciplina.
O programa contempla a planificación da web, o tratamento das imaxes, a maquetación con linguaxe html, as follas de estilos, recursos como as animacións ou o son e, finalmente, a publicación da páxinas mediante clientes FTP.

Matrícula online

O curso, de inscrición gratuíta, comezará o 15 de xaneiro e as clases terán lugar os luns, mércores e xoves de 18.30 a 20.30 horas ata o 29 de xaneiro. A matrícula pode realizarse a través da Aula de Posgrado Virtual ata o día 14. A Vicerreitoría tamén traballa na organización do curso Open Office desde cero que pretende ser unha introdución á ofimática con software libre no que o alumnado adquirirá as destrezas básicas necesarias para o manexo dos distintos programas desta suite.