DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Biblioteca central do campus

A Vicerreitoría propón unha retrospectiva da revista "Andaina" con motivo da celebración do Día Internacional da Muller

Tamén se celebrará unha mesa redonda sobre a violencia de xénero

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 27/02/2009

Entre as doce páxinas do seu primeiro número e as sesenta que compoñen a última edición de Andaina, esta revista de pensamento feminista, ten falado de temas como a violencia contra as mulleres, a discriminación laboral, a desigualdade na representación en cargos públicos e privados ou o reparto das cargas domésticas. Unha traxectoria que, ao longo de vinte e cinco anos, ten animado o debate arredor das posicións e teorías feministas. Porque toda a súa historia ten algo de milagrosa, a Vicerreitoría decidiu organizar unha exposición das portadas desta publicación na Biblioteca central do campus.
As reproducións das capas da revista que viron a luz, comezando pola de xaneiro de 1983, estarán dispoñibles ao público na Biblioteca central desde o 4 e ata o 17 de marzo en horario de 8.00 a 20.30 horas. Máis aló do seu valor como testemuña das reivindicacións deste colectivo ao longo do tempo, as reproducións tamén serven para valorar a súa calidade artística.
A Asociación Galega da Muller foi o xerme dunha cabeceira que se fixo un lugar propio entre as revistas temáticas e presume de ter sido a primeira publicación feminista en galego e a de máis longa traxectoria. As súas portadas, atrevidas e orixinais, teñen producido un profundo impacto. Como exemplo a da mazá mordida ou a que, mediante a imaxe dunha dona na perruquería, pedía tempo e espazo para a muller.

Apoio á celebración do 8 de marzo

A exposición de Andaina xa estivo no concello da Coruña e na Universidade de Santiago de Compostela e agora para na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación con motivo do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Segundo explica a directora da biblioteca, Laura González, “todos os anos o persoal traballa na organización dalgunha actividade especial con motivo desta celebración e desta volta, enterámonos desta exposición e pensamos que estaría ben”.
Ademais dos carteis, a comunidade universitaria tamén terá a oportunidade de voltar a vista atrás e consultar anteriores números da publicación. No caso dos máis antigos, permanecerán nunha vitrina en favor da súa conservación.
Na inauguración oficial do día 4 estarán presentes o vicerreitor do campus, Jesús Hernández; a directora de Andaina, Ana Arellano; a coordinadora da revista, Laura Gómez e a responsable do deseño, Uqui Permui. Ao día siguiente, a partir das 12.00 horas, establecerase unha mesa redonda entre os profesores da Universidade Amada Traba, Xesús Laxe e Ana Amorós e a coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, Rosa Fontaíña, sobre a violencia de xénero e a súa proxección audiovisual. Celebrarase no salón de actos da facultade e será moderada por Adela García-Pintos.