DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xoves 11, de 21.00 a 00.00 horas

A Vicerreitoría recadará fondos e alimentos para doar a Unicef e ao comedor dos Padres Franciscanos cun maratón de aeróbic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 09/12/2008

Axudar aos necesitados da cidade, pero tamén os que precisan atención noutras zonas máis afastadas; aos nenos, pero tamén aos maiores. Ese é o obxectivo común de todos os que participen no quinto Maratón Solidario de Aeróbic que se celebrará este xoves no pavillón universitario da rúa Cruz Roxa de 21.00 a 00.00 horas. Unha cita que se converterá nunha festa xa que, segundo apunta a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, “ao final haberá unha sorpresa para todos os participantes”.
O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia, Unicef, e o comedor dos Padres Franciscanos serán as dúas entidades beneficiarias do que vaian sumando as doazóns dun euro ou un quilo de comida precisas para participar nesta actividade que impulsa a Vicerreitoría do campus. E esa axuda será para realizar proxectos moi concretos. No caso de Unicef, a responsable na provincia, Emilia Aldao, sinala que os cartos están destinados ao “programa Unidos por la infancia, unidos contra el sida que pretende avanzar no tratamento pediátrico conta o VIH”. É unha das moitas frontes que esta axencia ten abertas no marco da defensa dos dereitos dos nenos que guía todas as súas actuacións.
Pola súa parte, os Padres Franciscanos dan de comer diariamente a 88 persoas no seu comedor, que ás veces queda pequeno e acolle a máis necesitados nunha segunda quenda. Agora que a crise económica pon en apuros a moitas persoas, cada día son máis as que acoden a este comedor, que leva na cidade máis de vinte anos e ten “a man estiradiña” a calquera doazón.

Unha actividade que se consolida

Para a súa quinta edición o Maratón Solidario de Aeróbic quixo reunir ás dúas entidades que historicamente foron beneficiarias desta actividade. O comedor dos Padres Franciscanos foi a institución escollida nas dúas primeiras edicións, mentres que Unicef foi a protagonista na terceira e cuarta edición. Para que non decaian as forzas Gustavo Loureiro, do Servizo de Deportes do campus, que tamén participou na preparación do evento, sinala que “durante o desenvolvemento da actividade haberá bebidas isotónicas e barras enerxéticas” que cedeu Gadis como patrocinador. Cunha participación de 200 persoas a organización sentiríase “máis que satisfeita” do resultado e da suma de euros e quilos de comida que isto suporía.