DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsada polo Departamento de Filoloxía Galega e a Asociación de Tradutores Galegos

"Viceversa", unha canle internacional de divulgación de estudos de tradución e interpretación en galego

Unha publicación aberta á participación de calquera profesional da disciplina

Etiquetas
  • Vigo
Lucía Costas DUVI 23/06/2009

Dirixida a investigadores de todo o mundo no campo da tradución e interpretación, naceu en 1995 a revista Viceversa co obxectivo de difundir e divulgar artigos e estudos orixinais e de calidade, que describan as últimas investigacións neste eido. “A intención foi encher un baleiro existente nas nosas revistas científicas”, explica o seu secretario, o profesor Alberto Álvarez Lugrís. Promovida polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo e a Asociación de Tradutores Galegos, a publicación está composta por un consello de redacción e un comité científico de carácter internacional, “do que forman parte moitos dos principais estudosos do galego fóra das nosas fronteiras”, subliña Álvarez Lugrís.
En outubro sairá á luz o número 15, “que está agora en preparación”; mes tamén no que remata o prazo de entrega de artigos para a seguinte edición, “prevista para xaneiro”. A revista é anual, “pero estes tres últimos números sairán máis seguidos porque queremos adaptar a data de publicación, ata o de agora saía a finais do ano ou principios do seguinte”. A novidade do número 14, que saíu á rúa fai un par de meses e en breve colgarase na páxina web, “é o ISSN dixital, que é distinto ao do exemplar impreso e garante a oficialidade e continuidade da revista na súa versión electrónica”, sinala o profesor.

Con presenza nos cinco continentes e a participación de profesionais internacionais

Álvarez Lugrís asegura que “se levan publicado numerosos artigos de profesores da nosa Universidade, pero tamén doutras do resto do mundo”, entre os que destacan figuras como Gideon Toury e Itamar Even-Zohar de Tel Aviv (Israel), Daniel Gile de París, Lawrence Venuti da Temple University de Philadelphia ou Sonja Tirkonen-Condit de Savonlinna (Finlandia). “Todos eles apoiaron a iniciativa de traducir os seus artigos ao galego, lingua na que se publica a revista”, subliña o profesor, e, precisamente, este é o outro dos obxectivos, “divulgar investigacións en galego como forma de contribuír á normalización da lingua”.
Malia estar escrita integramente en galego, Viceversa está presente en bibliotecas universitarias de todo o mundo. “Trátase dunha revista moi solicitada por investigadores de todos os países. Resulta interesante destacar a boa acollida de absolutamente todos os autores a que os seus traballos se traduzan á nosa lingua”, apunta Álvarez Lugrís; un labor, a de tradución, da que se encarga o propio consello de redacción coa colaboración dalgúns alumnos.

Unha revista transdisciplinar no eido da tradución e interpretación

Trátase dunha publicación transdisciplinar e integradora que dá cabida a unha gran variedade de estudos e acepta contribucións relacionadas coas moitas especialidades e perspectivas que conflúen no campo da tradución e interpretación. Deste xeito, as áreas de interese inclúen, entre outras, historia da teoría e da práctica da tradución e da interpretación, teoría da tradución e interpretación, desenvolvemento e utilización de ferramentas deste campo, críticas e recensións destas ferramentas, así como de traducións literarias e non literarias, reflexións dos tradutores sobre as súas obras e problemas específicos neste eido.
Viceversa ten unha “estrutura orixinal e única entre as revistas de tradución”, sinala Álvarez Lugrís, composta por cinco seccións delimitadas. Así, por exemplo, na sección Teoría e historia “recóllense artigos que presentan e desenvolven novas perspectivas sobre tradución, novas formas de enfrontar o seu estudo, historia e ensino”. As contribucións do apartado Instrumenta son “eminentemente prácticas, orientadas ás ferramentas de axuda á tradución: o seu proceso de elaboración, uso e rendemento, como poden ser glosarios e dicionarios ou novas técnicas de análise”. Baixo o epígrafe Traducións xustificadas “recóllense artigos feitos por tradutores nos que comentan os seus traballos e explican as súas decisións de tradución e interpretacións dos textos”. Na sección Críticas e recensións “revísanse tanto traducións como libros e monografías sobre teoría, historia, didáctica...”. Por último, no apartado Informacións “preséntase un informe periódico sobre as traducións galegas publicadas cada ano e dáse conta de noticias e novidades relacionadas coa disciplina”.