DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio na Facultade de Dereito

A vida e obra de San Raimundo de Peñafort ao descuberto

O venres terá lugar o acto de graduación da promoción 2003/2008

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 15/01/2009

A figura de San Raimundo de Peñafort. Obra e milagres, por que patrón do dereito. foi o título do relatorio que o ex decano da facultade Pedro Francisco Rabanal, actualmente maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 3 de Lugo, ofreceu dentro dos actos conmemorativos da festivividade do patrón da Facultade de Dereito. Acompañado por Inés Iglesias Canle, decana da facultade, Rabanal foi debullando na súa intervención a vida do santo, a bibliografía que deixou e os milagres realizados, polos cales foi beatificado.
O patrón do Dereito naceu en Santa Margarida i els Monjos (Barcelona) no Castelo de Peñafort e precisamente “non tiña escaseza de cartos o que fai que teña máis mérito chegar a ser santo”, comentou Rabanal. A súa infancia transcorre sen noticias. Chegou a “doutor e profesor na Universidade de Boloña e en 1219 converteuse en arquidiácono de Barcelona”. Con 40 anos foi Xeneral da Orde e nese posto mantívose “ata que se xubilou aos 65 anos”.
Foi na súa xuventude cando “facendo exame de conciencia e considerando que pecou de soberbia durante a súa estadía en Boloña”, pediulle ao seu confesor que lle impuxesen “severas penitencias”, debido a esta petición foille encargada a realización dunha compilación xurídica, a Summa de caesibus paenitentialibus (1222-1229). Outro feito que marcou a súa vida sucedeu en 1230 cando o papa Gregorio I chamouno a Roma para encargarlle varias tarefas, “foi nomeado o seu confesor e adoptou o cargo de penitenciario, un posto xurídico de importancia na Igrexa”. Por estas datas é cando se crea a Inquisición e el tivo moito que ver na súa introdución en Barcelona, aínda que din que o santo aplicábaa “pola vía da persuasión e non da forza”.

Bibliografía e milagres

Entre as súas obras bibliográficas cóntanse Summa luris, Las decretales ou o Tratado sobre el matrimonio, sen esquecer, o libro perdido De la manera de negociar justamente. Breviario doméstico de todo catalán, “onde entre outras cousas fala dos préstamos e do cobro de intereses que para el non eran usura”. No tocante aos milagres que se lle atribúen, o primeiro que realizou, “aínda que o Vaticano non o recoñece e non está constatado” foi o da viaxe "super undas" na que avanzou polo mar dende Mallorca a Barcelona “empregando a súa capa como vela”. Ademais disto fixo multitude de milagres de curación de enfermidades que lle outorgaron a categoría de santo.
Morreu con 100 anos na súa cela e foi soterrado no convento de Santa Catalina ata a desamortización de Mendizábal. Actualmente a súa tumba atópase na Catedral de Barcelona. “A súa beatificación non se conseguiu ata o terceiro intento, no ano 1601, da man de Clemente VI”, agora celébrase a súa festividade cada 7 de xaneiro.

Máis actividades

Quedan aínda por diante dous días de eventos para conmemorar a festividade do patrón da Facultade de Dereito. Este xoves 15 está prevista a proxección de Death Proof, de Quentin Tarantino, que servirá para abrir o debate sobre a relación do cine e o Dereito no que participarán Pablo Raúl Bonorino, profesor da Área de Filosofía do Dereito e Iago Fariñas, vicedecano da facultade. A cita será na aula magna da facultade ás 19.30 horas.
O venres 16 rematarán os actos, a xornada comezará ás 12.00 horas coa presentación do libro El conflicto colectivo y la huelga do profesor Gonzalo Diéguez, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Xa pola tarde, na Igrexa de Santo Domingo, terá lugar unha misa en memoria dos compañeiros e alumnos falecidos. Tras esta pequena homenaxe, celebrarase no salón de actos do Edificio Politécnico o acto académico de graduación da promoción 2003/2008 da Facultade de Dereito.