DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vida universitaria remata para os novos titulados en Tradución e Interpretación e Relacións Laborais

Un total de 109 estudantes da licenciatura e a diplomatura graduáronse este venres

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 18/06/2010

Tras anos de esforzo e superación nos estudos, máis de 100 alumnos e alumnas das titulacións de Filoloxía e Tradución e Relacións Laborais celebraron este venres os seus actos de graduación, tras os que se enfrontarán a unha nova etapa marcada polo desenvolvemento do futuro profesional, deixando atrás a vida universitaria.
A emoción e os nervios deixábanse notar entre os 64 novos egresados da Licenciatura en Tradución e Interpretación, que foron os primeiros da xornada en recibir os seus diplomas acreditativos e bandas, coa profesora Maite Veiga como madriña desta 15ª promoción. Veiga lembroulles que aínda que non o crean "están ben formados e preparados para a vida laboral" e aconselloulles ser sempre bos profesionais "sempre que iso implique ser tamén boa persoa"
O evento, celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución, tamén contou coa presenza da decana do centro, Rosa Pérez, o secretario da facultade, Jorge Luis Bueno e Luis Alonso Bacigalupe, director do Departamento de Tradución e Lingüística. Todos eles desexaron aos novos egresados da licenciatura un próspero futuro profesional, avalado por unha formación académica completa e de calidade.
Pola súa banda, os novos titulados agradeceron a docentes e familia a súa dedicación e apoio ao longo desta etapa universitaria. Ademais dun repaso polos cinco anos que pasaron no centro, todos eles fixeron tamén un regreso á infancia con fotos dos egresados de nenos no momento de recoller as bandas que os acreditan como titulados en Tradución e Interpretación, "uns estudos que moitos seguimos tentando explicar aos nosos país" apuntaban os representantes do alumnado.


A Diplomatura en Relacións Laborais despide a 45 egresados

Familiares, amigos e profesores déronse cita tamén no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no acto de graduación dos 45 novos diplomados en Relacións Laborais da promoción 2007-2010.
A decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ana Mª Pita Grandal, que estivo acompañada pola secretaria xeral da Universidade, Inma Valeije, aproveitou a ocasión para obsequiar aos novos egresados con algúns consellos alentadores para afrontar a nova etapa profesional que lles espera ao abandonar as aulas. O evento contou coa presenza da xefa de servizo de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Guadalupe Álvarez como invitada de honra e da profesora Nora Mª Martínez Yáñez como madriña da promoción, aos que lles recomendou aproveitar o aprendido neste tempo e lembroulles que "contades cunha formación excelente, froito do moito que se vos esixiu nestes tres anos".