DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaborado polo Laboratorio de Ecoloxía e Evolución das Plantas e financiado por Parques Nacionais

Un vídeo sobre o papel dos lagartos en Cíes gaña o premio do público da revista The Scientist

Competía con outros nove traballos realizados por institucións como National Geographics

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/09/2010

Se o curso pasado acabou ben para o Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas este comeza aínda mellor. Tras varias semanas de intensa espera fíxose realidade o que hai apenas uns meses era case un soño, o vídeo A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares, no que en pouco máis de tres minutos se resumen catro anos de intenso traballo, fíxose merecedor do The 2010 Multimedia Awards, o premio do público da prestixiosa revista internacional The Scientist.

Convencidos de que se trata dun “excelente traballo” admiten que non as tiñan todas consigo xa que enfronte había outras nove propostas finalistas elaboradas por institucións como National Geographic, universidades como a galesa de Glamorgan ou a Western Australia e centros de investigación como o Energy Joint Genome Institute, o Monterrey Bay Aquarium Research Institute ou o WYSS Institute.

A dura competencia e elevada calidade de todos os traballos fai que, se cabe, a satisfacción sexa aínda maior, “sobre todo se temos en conta que os que concederon o galardón foron os propios lectores a golpe de clic de rato”, subliña o profesor Luis Navarro, director do laboratorio, quen admite que para eles estar na final xa era todo un premio “non hai que esquecer que na anterior edición gañou un traballo do recoñecido divulgador científico David Attenborough financiado pola BBC”, apuntou Navarro, ao que engadiu que, “demostra que aquí se poden facer cousas tan boas coma noutros países”.

Na fase final dos festivais de Ronda e Bangkok

Premiado tamén co VIII Premio de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo e seleccionado para a fase final nos Festivais Internacionais de Cine Científico de Ronda e Bangkok, o vídeo transmite de forma gráfica e sinxela como é a mellora que experimentan na capacidade de xerminar as sementes que pasan polo tracto dixestivo dos lagartos, unha investigación sobre a que o grupo leva catro anos traballando no Parque Nacional das Illas Atlánticas e que decidiron plasmar neste vídeo, para o que contaron en ambos casos –investigación e vídeo- co financiamento do Organismo Autónomo Parques Nacionais.

Non é, sen embargo, a primeira experiencia que o grupo ten deste tipo, xa que nos últimos dous anos o laboratorio está a realizar unha intenso labor de divulgación, unha actividade para a que contan coa colaboración de dous infografistas que son os encargados de dar soporte audiovisual aos resultados das súas investigacións.

“Todo comezou”, explicaba Navarro cando coñeceu a nominación "cunha tarefa de síntese da investigación que fixemos ao longo dos últimos tres ou catro anos, para a continuación preparar un guión e un storyboard sobre o que traballar”. Aínda que os infografístas que participaron neste vídeo eran alleos ao mundo da Bioloxía isto non foi un problema á hora de dar vida ás ideas dos investigadores e así entre todos acadar o obxectivo de amosar o papel dos lagartos como modeladores da paisaxe vexetal nos ecosistemas insulares. “Un das maiores satisfaccións que estamos acadando neste proxecto é a de ver que é posible a simbiose entre dous mundos inicialmente tan distantes: artistas e científicos son aínda capaces de unir esforzos para dar a coñecer a ciencia”, engadiu.

Novos proxectos a piques de ver a luz

Nesta mesma liña de divulgación da ciencia e con forzas renovadas polo éxito acadado, o grupo está traballando en dous novos proxectos que logo verán a luz: un vídeo 3D que transcorre no mar e explica algunhas estratexias de adaptación dos organismos mariños e unha actividade flash sobre os efectos nocivos dunha especie invasora sobre os ecosistemas nativos.

Trátase de que todo o traballo de investigación que están a realizar, ademais de que sexa publicado empregando as canles científicas habituais, poida tamén ser accesible a un sector máis amplo da poboación, “e non quede limitado a unha minoría de científicos”, subliñan na súa web.

Todos estes traballos poden ser vistos e descargados gratis no enderezo web: http://webs.uvigo.es/plantecology/divulgacion.es.html