DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As galardoadas desta segunda edición son Sara Comesaña e Estefanía Pereira

Vídeos sobre contaminación por microplásticos e sostibilidade da acuicultura gañan o concurso Marie Tharp do CIM

Outorgouse unha mención especial para Elisa Osorio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 08/02/2024

O Centro de Investigación Mariña da UVIgo tamén se uniu este xoves á conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e fíxoo coa entrega dos premios do concurso Marie Tharp 2023 para mulleres investigadoras. Na categoría postdoutoral junior a gañadora foi Sara Comesaña, mentres que na categoría predoutoral o galardón foi para Estefanía Pereira, ás que se suma unha mención especial para Elisa Osorio. As tres recibiron de mans das gañadoras do ano pasado os seus galardóns, dotados de 1000 euros por categoría e 500 euros por mención especial para adquisición de material informático ou asistencia a congresos.

O obxectivo do concurso era que as científicas do centro contasen o seu traballo nun vídeo dun minuto e nesta segunda edición recibíronse nove propostas, que se irán difundindo nas redes sociais do CIM. O vídeo de Estefanía Pereira céntrase nun tema de grande actualidade como é a contaminación por microplásticos, mentres que Sara Comesaña explicaba con imaxes o seu traballo no ámbito da sostibilidade da acuicultura a través do estudo da viabilidade de novos ingredientes para pensos de rodaballo. No caso de Elisa Osorio, a peza audiovisual afondaba tamén na acuicultura pero, no seu caso, sobre control parasitario en cultivos de ourizo de mar co obxectivo de desenvolver este sector en Galicia.

No acto, en representación da Comisión de Igualdade e Sustentabilidade do CIM, interveu a súa presidenta, Ana Bernabeu, que destacou que “as investigadoras do CIM, do mesmo xeito que os nosos colegas investigadores, facemos ciencia de calidade e excelente e, como centro de investigación, non podemos perder todo ese traballo e todo o que achegan as investigadoras. Debemos conservalas e mantelas na carreira investigadora e que formen parte do noso centro para que o enriquezan co seu traballo e coa súa visión diferente, que pode dar un plus a toda a investigación mariña que se está realizando”, engadiu. Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, lembrou que “o CIM foi o primeiro centro en obter o Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo e, a partir diso, lanzaron os premios” pero, tal e como sinalou, “o importante é que lle deron sostibilidade no tempo o que é relevante porque supón apostar por unha medida de acción positiva e valente”. Finalmente, o director do CIM, Daniel Rey, quixo remarcar a escolla do nome de Marie Tharp “para visibilizar o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino”, que contribuíu significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deriva continental”.