DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por atlanTTic e Gradiant coa colaboración do INCIBE

Vigo acolle o encontro nacional sobre ciberseguridade, “un asunto de Estado de máxima relevancia para as empresas”

Con arredor de 200 participantes, a cita desenvólvese desde hoxe ata o venres na sede Afundación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 21/06/2023

“Un asunto de Estado de máxima relevancia para as empresas”. Así se referiu esta mañá en Vigo Juan Díez, responsable do Sector Estratéxico de Saúde, Alimentación e Investigación do Instituto Nacional de Ciberseguridade de España, INCIBE, ao concepto de ciberseguridade, unha cuestión que, tal e como expuxo, cobra cada vez máis importancia, sobre todo se temos en conta que a sociedade actual vive “nunha contorna xeopolítica complicada, na que o cibercrime é xa un dos grandes riscos globais”. Fixo estas declaracións na inauguración das VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad, JNIC, o encontro máis importante que se celebra en España sobre avances, coñecemento e innovación en ciberseguridade e no que participan 200 profesionais chegados de diferentes puntos de toda a península.

Organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e o centro tecnolóxico Gradiant, coa colaboración do propio INCIBE, as xornadas celébranse por primeira vez en Galicia e reúnen na Sede Afundación a arredor de 200 profesionais, tanto do ámbito universitario, como dos centros de investigación e as empresas. Serán tres días -desde hoxe mércores ata o venres- nos que especialistas de recoñecido prestixio internacional ofrecerán os últimos avances que están a conseguirse neste eido.

Unha cuestión estratéxica que marca a axenda científica de atlanTTic

A inauguración do encontro tivo lugar a primeira hora da mañá e nela coincidiron diferentes responsables de todos os organismos implicados, dun ou outro xeito, na organización das xornadas. Desde a Universidade de Vigo contouse coa participación da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e do director de atlanTTic, Martín Llamas. Ambos fixeron fincapé na grande oportunidade que supón esta xuntanza para visibilizar o potencial investigador e de transferencia que aglutina atlanTTic.  “Sen dúbida o encontro favorece a difusión nun ámbito de tanta relevancia e actualidade como é este. Titulares espectaculares ao redor de quebras de sistemas e ameazas globais inquietan a unha cidadanía consciente de que a súa vida cotiá pódese ver afectada se non se garante unha estabilidade neste sentido”, recalcou a vicerreitora.

A maiores, Martín Llamas, explicou que a ciberseguridade é unha das tres grandes áreas estratéxicas que vertebran a axenda científica de atlanTTic, xunto ás comunicacións e os servizos dixitais. “O noso labor investigador céntrase en dar resposta aos grandes retos en conectividade, dixitalización e ciberseguridade, sendo este último ámbito un vector transversal ás nosas áreas de investigación, no que levamos traballando desde a creación do centro, no 2010, e onde nos últimos anos nos consolidamos como referentes, grazas á excelencia científica do noso persoal investigador, aos proxectos e colaboracións de referencia a nivel internacional, ou a iniciativas tractoras impulsadas en tecnoloxías como a criptografía e comunicacións cuánticas a través do Vigo Quantum Communications Center, VQCC”.

“Vivimos un momento de oportunidade histórico”

Pola súa banda, Luís Pérez, director xeral de Gradiant sinalou que a sociedade non se pode permitir que a investigación quede gardada nos caixóns. “Vivimos un momento de oportunidade histórico para impulsar o sector da ciberseguridade no noso país, e ese impulso ten que vir da man da innovación tecnolóxica”, subliñou o responsable de Gradiant, ao que engadiu que é “imprescindible” que se realice investigación de calidade e canalizar os resultados á industria, e este é, ao seu xuízo, o papel no que se deben focalizar os centros tecnolóxicos, facéndoo sempre en colaboración cos axentes da contorna, tanto do ámbito público como do privado. “As JNIC son unha grande oportunidade para visibilizar estas cuestións e poñer en contactos a todos os axentes necesarios”.

A inauguración das xornadas contou tamén coa participación do director da área de Infraestruturas e Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Adrián Lence, quen destacou a aposta da Xunta por actuacións “que teñen como fin común a potenciación e o despregamento da ciberseguridade de maneira transversal para toda a rexión”. Citou, entre outros, o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que congrega a máis de 55 entidades públicas e privadas, e anunciou a próxima presentación da Estratexia Galega de Ciberseguridade e a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, CECIGA”.

Tecnoloxías disruptivas, ciberseguridade e tecnoloxías cuánticas

O programa das xornadas inclúe dúas charlas maxistrais con especialistas de máximo nivel. A primeira tivo lugar este mércores e correu  a cargo de Mordechai Guri, experto informático e investigador en seguridade.  Impartiu a conferencia Air-Gap Security: Attacks and Defense, na que abordou as principais canles de ocultación para a comunicación con redes fisicamente illadas. O vindeiro venres, Carmela Troncoso, egresada da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e doutorada na KULeuven e Associate Professor en EPFL (Suíza), abordará no seu relatorio Privacidade por deseño: do papel á práctica, distintas interpretacións desta filosofía de deseño de sistemas dixitais, con exemplos de uso de tecnoloxías deseñadas para mellorar a privacidade (Privacy Enhancing Technologies) combinadas con sistemas que permiten funcionalidades complexas sen necesidade de colleitar nin procesar datos. 

Ademais das dez sesións que inclúe o programa, nas que se presentan os traballos seleccionados para participar nas xornadas, levaranse tamén a cabo dúas mesas redondas que permitirán conversar sobre Tecnoloxías disruptivas e o rol da ciberseguridade, así como o horizonte en tecnoloxías cuánticas.

Entrega de premios

Como novidade nesta edición, recolléronse desafíos tecnolóxicos para ser incluídos na competición de adestramento tipo ‘Captura a Bandeira’, que finalizou o día 12 de xuño, e cuxos gañadores recibirán os seus premios durante as propias xornadas. A maiores, outorgaranse tamén diversos premios aos mellores artigos de distintas categorías e ás mellores solucións propostas aos retos do Programa de Transferencia JNIC. Por outra banda, terá lugar a entrega de premios da V edición de Premios RENIC á mellor Tese de Doutoramento e ao mellor Traballo Final de Máster en Ciberseguridade, dando a posibilidade aos gañadores ou gañadoras de presentar os seus traballos durante as xornadas. 

JNIC conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Seresco, Plexus Tech, a Cátedra R en Ciberseguridade, RENIC (Rede de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridade), Eviden, Optar Solutions, Viewnext e CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da lnformación e as Comunicacións.