DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Porto do Molle cederá espazo á Factoría de Innovación, na que se investirán 300.000 euros

Vigo acolle o primeiro centro galego de alto rendemento para empresas

O organismo de Zona Franca, Universidade e da Escuela de Organización Industrial adestrará ás pemes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 13/12/2011

Vinte catro afortunados para estrear o primeiro centro de alto rendemento para empresas de Galicia. A Escuela de Organización Industrial (EOI), Zona Franca e Universidade de Vigo veñen de asinar un convenio para a creación dunha Factoría de Innovación no Porto do Molle de Nigrán, un espazo para que as pequenas e medianas empresas galegas poidan incrementar a súa competitividade no desenvolvemento, implantación e deseño de actividades de I+D+i e facer efectiva a transferencia ao tecido industrial de todo o coñecemento xerado polos investigadores vigueses. “É indispensable fomentar a innovación nos procesos básicos empresariais das pemes para mellorar a súa competitividade a través do desenvolvemento da súa capacidade innovadora como única fórmula para impulsar o crecemento da economía da nosa área”, explicou o reitor Salustiano Mato.

Xa en marcha en varias cidades de España, esta factoría funcionará como un centro de excelencia no que realizar planes individuais de adestramento para axudar ás compañías a desenvolver proxectos de I+D+i ao tempo que se potencia a difusión da cultura innovadora. Con sede no polígono industrial de Nigrán e unha oficina na Cidade Tecnolóxica de Vigo, o centro nace cun investimento inicial de 300.000 euros, o 60% financiado con fondos europeos FEDER. Nun principio serán 24 as empresas da área de Vigo que participen no proxecto e expoñan os problemas e necesidades aos que se enfrontan no mercado, que acadarán o seu posto tras un proceso de selección no que terán prioridade as entidades de recente creación; as micro empresas; as gacela, entidades novas cun crecemento anual mínimo do 25% e xeradoras de emprego; e as empresas tractoras, con capacidade de arrastre sobre o resto do tecido empresarial local.

Adestrador persoal e actividades abertas ao público

Ao igual que nun centro de alto rendemento deportivo, durante o ano que dura o proxecto as empresas terán un adestrador persoal experto en innovación, un plan de preparación individual, unha programación de actividades para desenvolver todo o seu músculo innovador e espazos para fortalecer cada unha das fases do itinerario creativo. Todo enfocado a “reinventar a xestión empresarial para asegurar a supervivencia das pemes”, como explicou a delegada do Consorcio de Zona Franca en Vigo, María Teresa Pisano. “Aínda que en Vigo pódense apreciar constantes mostras da gran capacidade emprendedora que teñen empresas e investigadores para desenvolver novos produtos e servizos, iniciativas como esta son necesarias para acadar o éxito definitivo”, subliñou.

Entre as actividades previstas haberá adestramentos básicos e avanzados nos que as empresas obterán a capacitación necesaria para introducir de forma práctica conceptos relacionados coa creatividade aplicada e a innovación; foros sectoriais para a presentación de tendencias, casos de éxitos, mellores prácticas... cunha parte aberta a calquera persoa, empresa ou institución interesada; sesións de co-creación e a creación de Demolab, un espazo de interacción entre cliente e empresa para expor e comprobar produtos e solucións innovadoras.

As Factorías de Innovación son unha iniciativa da Escuela de Organización Industrial para apoiar ás pemes e “promover a creatividade organizativa, comercial e de procesos a través de planificacións de adestramento personalizadas” nas cidades que funcionan como principais centros económicos de España, como salientou Alfonso González, director da EOI.