DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Economics for Energy" nace como unha entidade privada con vocación internacional

Vigo acollerá o primeiro centro español de investigación sobre economía da enerxía

Con nove socios fundadores, será o referente para empresas, administración e sociedade en cuestións

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/07/2010
Existía xa en países como Estados Unidos ou Inglaterra, pero non en España. Para cubrir este baleiro constituíuse Economics for Energy, unha entidade privada con vocación internacional que nace en pleno debate sobre o modelo enerxético co obxectivo de converterse no referente español na creación e transmisión de coñecemento en economía da enerxía, un tema de crecente complexidade e importancia.

O centro constituíuse este venres en Vigo, onde terá a súa sede, coas universidades de Vigo e Pontificia de Comillas como socios fundadores, xunto á Fundación Pedro Barrié de la Maza, Acciona, Banco Santander, Caixanova, Gas Natural, Fenosa e Iberdrola. Como anfitrión do encontro, Salustiano Mato destacou a honra que supón para a Universidade que elixiran Vigo como sede dunha asociación “cun nivel de ambición internacional tan amplo, un auténtico think tank sobre o mundo da enerxía”, salientou, ao tempo que subliñou a necesidade de construír un novo modelo económico do futuro “que, sen dúbida, pasa por aplicar a intelixencia na economía da enerxía”.

“É un centro privado onde a Universidade de Vigo e a Pontificia Comillas son socias, pero onde participan grandes empresas, tanto do sector enerxético como doutros eidos que, pese a non ter un interese directo no sector, uníronse ao proxecto pola súa potente utilidade social”, subliñou o investigador vigués Xavier Labandeira que codirixirá o centro xunto ao profesor da Pontificia Comillas, Pedro Linares, especialistas ambos de recoñecido prestixio no análise económico da regulación enerxético ambiental.


Tres anos para converterse na “referencia” en España

O centro, que terá unha segunda sede en Madrid, centrará a súa actividade nos vindeiros tres anos en emitir informes e organizar seminarios sobre diferentes cuestións enerxéticas de interese para as empresas, a administración e a sociedade en xeral. Transcorrido este tempo, os responsables da iniciativa consideran que terán xa a bagaxe suficiente para ser considerados referencia e poderán incrementar de xeito significativo o número de investigadores e abarcar outros problemas de maior escala. “Ata estes intres non había en España un centro independente, onde puideran estar representados os intereses do mundo empresarial, con visión de largo prazo e capaz de transmitir á sociedade os resultados das investigacións”, subliñou Pedro Linares, ao que engadiu que “cando te pos a analizar aspectos de economía da enerxía a veces tes que facelo cunha potencia de investigación que non é a de dous profesores traballando solos”.

En particular o centro prestará especial atención a cinco liñas de traballo: demanda de enerxía, seguridade enerxética, deseño e efectos das políticas enerxéticas e ambientais, innovación no campo enerxético e análise prospectivo enerxético e regulatorio nacional e internacional. “Estas son as liñas básicas pero dependerá tamén das empresas, que en certa maneira serán as que nos vaian indicando os principais campos de relevancia social neste eido”, subliñou Linares.

En estreita colaboración con algúns dos principais centros internacionais especializados nestes asuntos, Economics for Energy dará tamén especial importancia a transferir á sociedade os resultados das súas análises e informes “pois só así podemos servir de verdadeiro canal de comunicación entre a universidade, as empresas e a sociedade en xeral”, subliñou o vicerreitor de Investigación da Universidade Pontificia, Pedro Martínez, quen incidiu no carácter pioneiro “dunha iniciativa que pode activar o coñecemento de moitas cousas en España”.

Aberto á chegada de novos socios a sinatura da acta fundacional, contou tamén coa presenza do director xeral do Instituto de Estudos Fiscais, dependente do Ministerio de Economía e Facenda, que manifestou o seu apoio á iniciativa e anticipou o próximo ingreso do instituto como asociado.