DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra sorprende co primeiro posto en fútbol masculino

Vigo arrasa no Intercampus coa vitoria en catro modalidades

Ourense, campión merecido en baloncesto feminino

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 12/02/2010

O campus de Pontevedra viviu onte a súa xornada máis deportiva do curso coa celebración do torneo Intercampus 2010, no que os mellores equipos de Vigo, Ourense e Pontevedra se enfrontaron nas finais das Ligas Universitarias. Un ano máis confirmáronse os prognósticos e o campus de Vigo, que partía como favorito, foi o campión en catro das sete modalidades da competición: baloncesto masculino, fútbol sala feminino, fútbol sala masculino e voleibol masculino. O campus de Pontevedra sorprendeu cunha inesperada vitoria en fútbol masculino e quedou tamén como primeiro clasificado en balonmán masculino. Pola súa parte, o campus de Ourense marchou para a casa cun merecido primeiro posto en baloncesto feminino. Os sete equipos mellor clasificados participarán no Campionato Galego de Deportes Colectivos, que terá lugar en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de febreiro.
O responsable do Servizo de Deportes no campus pontevedrés, Gustavo Loureiro, quixo destacar por riba de todo o “bo nivel deportivo” amosado por todos os equipos.
Ao remate da xornada Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, fixo entrega dos trofeos no Pavillón Universitario.

Vitoria inesperada nas modalidades masculinas

O campus de Pontevedra partía como favorito en balonmán masculino, modalidade na que quedou como primeiro clasificado ao non presentarse o equipo de Vigo anotado na competición, pero sorprendeu en fútbol, onde se lle daban poucas posibilidades. O campionato xogouse a tres partidos e Pontevedra chegou á final logo dunha axustada vitoria resolta a penaltis. Venceu cun 3 a 2.
Enfrontáronse nas finais masculinas, tanto de voleibol coma de fútbol sala, Ourense e Vigo. Na primeira impúxose claramente Vigo cun resultado 0-2 ao seu favor e cun dominio do xogo ao longo de todo o partido. A segunda estivo máis disputada e os dous equipos amosaron un alto nivel. Finalmente gañou Vigo con 5 goles fronte a 3.
O campionato de baloncesto masculino rematou cun derbi entre dous equipos vigueses, que se resolveu cun axustado marcador 53-48.

Campións claros en baloncesto e fútbol sala femininos

Á fase final de baloncesto feminino chegaron só dous equipos dos campus de Ourense e Pontevedra. O partido acabou cunha vitoria clara para as ourensás, que anotaron 57 tantos fronte aos 36 das pontevedresas.
A competición de fútbol sala feminino estivo marcada pola lesión de varias xogadoras, que tiveron que ser atendidas no hospital de Montecelo. Vigo e Ourense impuxéronse por goleada a Pontevedra nos dous primeiros encontros. O xogo estivo máis igualado na final, que se saldou cun 2-4 a favor de Vigo.
De cara á convocatoria de ámbito galego, Gustavo Loureiro considera difícil atinar cun prognóstico claro porque “ano a ano varía moito o nivel nos diferentes campus”, pero lembra que “tradicionalmente a Universidade de Vigo é a que gaña en máis modalidades”. Así e todo, atrévese a sinalar como bazas seguras os equipos de balonmán, que competirán tamén na categoría feminina malia non ter participado no Intercampus, e os de baloncesto.