Este martes celebrouse o Día da Accesibilidade cunha acción formativa específica
Vigo busca entrar no mapa das universidades europeas accesibles
As persoas participantes realizaron un percorrido en cadeira de rodas por diferentes instalacións do
A Universidade sumouse este martes á celebración do Día da Accesibilidade cunha actividade dirixida a formar ás persoas interesadas sobre como crear condicións inclusivas e de accesibilidade para persoas con algún tipo de discapacidade, xa sexa física ou intelectual. As actividades arrancaron onte cunha sesión teórica no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución e continuaron hoxe cunha xornada práctica na que as e os asistentes tiveron a oportunidade de realizar un percorrido en cadeiras de rodas para experimentar que supón ter unha discapacidade física, aumentar a concienciación social sobre esta realidade e, ao mesmo tempo, identificar cales son as principais barreiras que seguen a existir no campus e como poden eliminarse.
Esta acción formativa levouse a cabo ao abeiro do proxecto internacional MappED, que botou a andar a finais de 2015 con financiamento europeo e do que Vigo é unha das universidades socias, xunto a Unviersidade de Varsovia, á asociación de estudantes ESN (Erasmus Student Network); a Association for Higher Education Access and Disabiligy, Ahead, de Irlanda; a Rede das Universidades das Capitais de Europa, Unica, e a asociación gala de persoas con mobilidade reducida, Jaccede, cuxos representantes foron os que se encargaron hoxe de impartir este obradoiro práctico.
Con sede na Facultade de Filoloxía e Tradución, o evento reuniu un total de 27 participantes, entre eles alumnas e alumnos con discapacidade, persoal do gabinete psicopedagóxico do campus de Ourense, docentes de diferentes escolas e facultades e o equipo responsables deste proxecto na Universidade de Vigo, entre eles, o vicerreitor de Relacións Internacionais e Extensión Universitaria, Manuel Fernández Iglesias, e a técnica da Oficina de Relacións Internacionais, Eva Garea. “Nós somos unha universidade pública e como tal tentamos atender de forma personalizada a cada estudante, neste sentido este tipo de xornadas axúdannos a ver se estamos ou non no bo camiño”, explicou o vicerreitor, que recalcou tamén a importancia de seguir organizando actividades formativas para que toda a comunidade universitaria saiba como garantir que o alumnado con necesidades de atención específica a teña, “en definitiva, trátase de organizar diferentes accións que poñan a Vigo no mapa europeo das universidades accesibles”, recalcou Fernández Iglesias.
“A accesibilidade é boa, pero estamos a detectar moitas cousas que seguen a ser mellorables”
O percorrido partiu da Facultade de Filoloxía e Tradución e, divididos en diferentes grupos, percorreron as diferentes instalación do campus de Vigo. Achegáronse á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ao edificio Miralles, ao centro comercial da Cidade Universitaria... “En xeral a accesibilidade é boa, pero tamén estamos a detectar moitas cousas que seguen a ser mellorables e das que non te dás conta ata que estás aquí sentada”, explicou unha das mozas que fixo o percorrido sentada na cadeira de rodas.Demasiadas escaleiras, escaseza de ascensores, mostradores de atención ao público demasiado altos para atender a unha persoa en cadeira de rodas ou aulas sen rampla de acceso para acceder aos pupitres foron as principais barreiras das que se queixaron os participantes na actividade.