DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas á actuación de Miryam García, Iván García e Celia Tortosa

Vigo consegue dous ouros e unha prata no Campionato de España Universitario de Taekwondo

O regulamento impediu que a Universidade se proclamase ouro por equipos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 22/05/2018

Dous ouros e unha prata conseguidos grazas á excelente actuación dos estudantes do campus de Pontevedra Miryam García, Iván García e Celia Tortosa. Este é o excelente balance que deixa o Campionato de España Universitario de Taekwondo, celebrado esta fin de semana en Murcia, para o equipo universitario vigués, un conxunto que a pesar de sumar os puntos suficientes para proclamarse ouro por equipos, cuestións relacionadas co regulamento fixeron que, por primeira vez de xeito ininterrompido dende o ano 2005, non puidese subir ao podio por equipos.

A expedición universitaria viguesa estaba composta nesta ocasión por sete integrantes –Miryam García, Abel Estévez, Alba Caamaño, Celia Tortosa, Iván García, Marcos Silva e Óscar Penín-, pero finalmente nin Marcos Silva, por cuestión relativas ao peso, nin Alba Caamaño, por un problema de saúde, puideron competir, co cal o equipo quedou reducido a só cinco efectivos e, segundo o regulamento da proba, para puntuar por equipos ten que haber seis membros, cun mínimo de dous homes e dúas mulleres. “No sumatorio de puntos a nosa universidade quedou campioa, pero por esta cuestión técnica non puidemos subir ao máis alto do podium”, explica Alexandre Sanjorge, técnico de Actividades Deportivas que acompañou ao equipo ata Los Alcázares e quen quixo destacar que, “pese a todo o equipo suma xa, ao longo da súa historia, 80 medallas individuais, o que o converte no máis laureado da historia do deporte universitario español nesta modalidade deportiva”.

Ata Murcia viaxaron tamén os adestradores Salvador Fontán e Erea Andrade, que tamén valoraron moi positivamente a participación viguesa nun evento no que se reuniron 250 deportistas procedentes de 45 universidades de toda España.

Miryam García: “Tiña moitas esperanzas postas neste campionato”

A nivel individual as medallas foron para a estudante de Fisioterapia Miryam García,ouro na categoría de -62 kg (peso lixeiro); o estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Iván García, ourto en -87 kg (peso medio), e a alumna de Publicidade e Relacións Públicas Celia Tortosa, prata en -53 Kg (peso galo).
“Estou moi, moi contenta por ter acadado esta medalla, tiña moitas esperanzas postas neste campionato e, finalmente, cumpríronse”, explica Miryam García, para quen, con tan só 18 anos, esta foi a súa primeira experiencia nun Campionato de España Universitario. “Gustaríame, sobre todo, agradecerlle ao equipo a oportunidade que  me deu ao levarme. Penso que esta medalla é a mellor maneira que teño de dárlle as grazas”, explicou a competidora, quen en 2017 xa fora quen de acadar unha medalla de Ouro no Campionato por Clubs e dous bronces, un no Campionato Absoluto de Taekwondo e outro no Nacional Sub 21.  Agora pensa xa na súa seguinte cita deportiva, o Campionato de España Sub 21, unha proba na que están inscritos 241 deportistas e que, nesta ocasión,  se celebrará en Marina d’Or.

Celia Tortosa: “Trátase dun deporte moi competitivo e sacrificado”

Esta tamén foi a primeira vez que participou nun campionato universitario Celia Tortosa, quen, pese á súa xuventude, xa participou en varios mundiais europeosa e conta cun palmarés no que locen con especial brillo os seis ouros conseguidos en diferentes campionatos de España, desde junior a senior. Madrileña de nacemento, Tortosa chegou a Galicia hai case un ano. “A experiencia aquí está sendo fantástica, tanto a nivel deportivo, como universitario”, explica a alumna, quen practica taekwondo desde que tiña catro anos. Filla de Jesús Tortosa, dúas veces subcampeón do mundo, tres de Europa e cuarto nos Xogos de Seúl 88, a medallista fai fincapé na necesidade “de traballar día a día e adestrar moito, xa que se trata dun deporte moi competitivo e sacrificado, no que tamén hai que ter moito coidado coas lesións, eu mesma cheguei a fisurar os dous nocellos”.

Iván García: “Foi un campionato de moito nivel”

No caso de Iván García, ouro en peso medio, esta medalla supón un excelente broche para esta tempada. “Para min é moi bonito acabar así a tempada, sobre todo porque foi un campionato con moito nivel”, recalca García, para quen este é o seu segundo ouro nun campionato de España Universitario, un ouro que se suma a un Campionato de España Absoluto de Clubes e unha prata no Nacional Absoluto por Federacións. “Agora toca facer un parón para estudar  para os exames e logo continuarei coa preparación para asistir ao Open de Luxemburgo que se celebra a mediados de xuño”, recalca o deportista.