DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración das conferencias EurOCEAN 2023 no auditorio Mar de Vigo os días 10 e 11 dese mes

Vigo converterase en outubro no epicentro do debate europeo sobre o futuro da ciencia oceánica e do mar

Daranse cita a comunidade científica, responsables políticos e representantes da industria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 16/06/2023

Galicia converterase o próximo mes de outubro no epicentro do debate europeo sobre a restauración dos océanos e sobre o futuro da ciencia mariña ao acoller a conferencia EurOCEAN 2023, un foro que reunirá na cidade de Vigo á comunidade científica europea, responsables políticos da Unión Europea e dos estados membros, á industria marítima e outras partes interesadas do mar.

EuroOCEAN 2023, que se celebrará os días 10 e 11 de outubro no auditorio Mar de Vigo, será un espazo de intercambio e debate sobre os últimos avances e desafíos de futuro na investigación mariña e o uso sostible do océano baixo o lema One Ocean, One Voice. A organización deste evento corresponde ao European Marine Board (EMB) en colaboración con varias entidades locais, entre elas o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, e o Campus do Mar. O obxectivo deste evento é consensuar as mensaxes clave para a comunidade científica internacional sobre a necesidade de restaurar e salvagardar para as xeracións futuras, o bo estado do océano e a sustentabilidade dos servizos que prestan os  ecosistemas mariños mediante o fomento da investigación e do coñecemento relevante para este fin.

Principal foro europeo

A conferencia EuroOCEAN é o principal foro de encontro a nivel europeo sobre política e a ciencia mariña e ofrece unha oportunidade única para que a comunidade investigadora mariña e todas as partes interesadas interactúen cos responsables das políticas e estratexias dos estados membros da Unión Europea para considerar, discutir e responder aos novos desenvolvementos, desafíos e oportunidades en ciencia e tecnoloxía mariña. Esta será a décima edición do evento e forma parte da Axenda da Presidencia española da UE. Ademais, constitúe un evento estratéxico co obxectivo de reforzar as sinerxías entre a "Misión da Unión Europea para a restauración do océano e as augas continentais" ata 2030, a Década das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e outras iniciativas internacionais e europeas de investigación e innovación. As edicións anteriores de EurOCEAN tiveron lugar en Bruxelas (1993), Sorrento (1995), Lisboa (1998), Hamburgo (2000), Galway (2004), Aberdeen (2007), Ostende (2010), Roma (2014) e París ( 2019).

Aínda que non está pechado o programa, xa é posible inscribirse como participante.

O Foro Profesionais do Océano na etapa inicial da súa carreira 

Dous días antes da reunión EuroOCEAN 2023 en Vigo e tamén da man do European Marine Board (EMB) a través do seu programa Young Ambassadors, Santiago de Compostela acollerá un foro de traballo para Early Career Ocean Professionals (ECOP). A cita será na Cidade da Cultura os días 8 ao 9 de outubro, coa participación de 70 mozos profesionais, dous por cada unha das organizacións socias do EMB. Este foro trasladará as súas conclusións á conferencia posterior e converterase así nun espazo de formación e diálogo interxeracional entre os ECOP do EMB e os líderes políticos europeos, expertos e científicos de alto nivel.

A semana pecharase coa celebración da reunión de membros do European Marine Board, que terá lugar os días 12 e 13 de outubro na sede do Centro Tecnolóxico del Mar-Fundación CETMAR en Vigo.

Organizadores

O European Marine Board é a entidade responsable da organización do EurOCEAN 2023 e faino en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC), o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM- UVigo ), o Campus do Mar e a Comisión Europea. A organización tamén conta coa participación da Joint Programming Initiative on Oceans (JPI Oceans), a European Marine Research Network (EuroMarine), o compoñente europeo do Global Ocean Observing System (EuroGOOS) e o European Centre of Information on Marine Science and Marine Technology (EurOCEAN). No ámbito local, o Padroado de CETMAR representado a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, o Porto de Vigo e a Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA) tamén manifestaron o seu apoio á celebración das xornadas.